O novo alcalde de Baralla promete seguir os pasos do seu pai, o anterior rexedor

Miguel González Piñeiro asegura que traballará nos proxectos que deixara abertos González Capón.

Casa do Concello de Baralla | Arquivo

O novo alcalde de Baralla, Miguel González Piñeiro, comprometeuse a seguir “a senda marcada” polo seu pai, o ex-rexedor Manuel González Capón. González Piñeiro foi investido o pasado mércores no cargo que ocupara o seu proxenitor durante máis de 30 anos.

Dous días despois de tomar posesión, González Piñeiro destacou que se está “pondo ao día e traballando con todos os proxectos que tiña o anterior alcalde. A nosa obrigación é seguir esa senda marcada polo anterior rexedor”, abundou.

Miguel González admitiu que “son moitos sentimentos encontrados”, nun mes de xullo que non esquecerá, tras ser investido alcalde oito días despois do falecemento de seu pai, que renunciara á alcaldía por mor dunha enfermidade. Segundo comentou, hai “momentos” para o recordo e para a dor, pero asegurou que “hai que seguir para diante e sacando as cousas, levándoas polo bo camiño, con calma, aos poucos e con moita serenidade”.

O alcalde asegurou ter “un equipo moi bo” conformado por oito concelleiros do PP, fronte a dous do partido socialista e un edil do Bloque Nacionalista Galego. “Teño xente moi boa que me apoia en todo, axúdanme moitísimo. Ímolo levando con total normalidade, con moitos proxectos que están abertos. O anterior alcalde deixou todo moi organizado e para min é moito máis sinxelo”, concluíu.