O alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, vén de formalizar a súa precandidatura para poñerse á fronte do PSOE provincial de Lugo. Canda el competirá tamén a deputada autonómica Patricia Otero, de Burela. Tanto un coma a outra son veteranos neste proceso de primarias, posto que xa se presentaran para ocupar a Secretaría Xeral provincial hai cousa de tres anos. Daquela impuxérase Álvaro Santos, pero a súa recente dimisión nun contexto de desavinzas entre a formación provincial e a autonómica abre agora un escenario que, por veces, semella un déjà vu.
Neste ambiente incerto, Arias viu unha oportunidade para volver tentar iso que quedara a medias naquela ocasión. “Preséntome para demostrar que tiña razón daquela e que a teño agora”, asegura, “o meu é un proxecto de cercanía feito dende o centro da provincia”. A proximidade é, xustamente, o eixe sobre o que vira a súa candidatura, que pretende impedir que os socialistas lucenses sexan monicreques cuxos fíos se moven dende outro lugar. “A min non me teledirixe ninguén“, sostén, a modo de carta de presentación e declaración de intencións.
Respecto a se agora se ve con máis posibilidades de vencer, Arias di ter “moi claro” que “gañe ou perda” el seguirá apoiando firmemente o seu partido. “Non hai bos nin malos, só proxectos distintos”, subliña. Neste sentido, considera unha “excelente compañeira” a Patricia Otero, a outra precandidata a dirixir a formación provincial, con quen comparte a súa afinidade por Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdG.
“COSER” O PARTIDO
Arias é consciente de que a situación da agrupación lucense non é a desexable. Admite que houbo desencontros e tensións, pero agarda que se abra un tempo de maior calma de aquí en diante. Parte coa idea de “coser” o partido, unha unión pola que traballará en caso de ser escollido líder do PSdG en Lugo.
Esas discrepancias que xiraron arredor da Deputación nos últimos meses desembocaron nun máis que posible cambio na executiva presidida por Darío Campos. O de Castroverde mostrou o seu apoio a José Tomé, alcalde de Monforte, para que sexa el quen capitanee a partir de agora o barco provincial. Tamén o propio Arias é candidato a ter un asento como deputado.
Porén, fai especial fincapé no seu rexeitamento pola “política de sillóns“. “Eu teño un, o de alcalde de Castroverde; déronmo os veciños”, pero comprométese a renunciar a ese posto en caso de chegar á secretaría xeral. “Considero que o meu concello está suficientemente representado por Tomé e o resto. Hai outros compañeiros na provincia que tamén poden traballar ben dende alí”, conclúe.
Agora, unha vez finalizado o período de formalización de precandidaturas, ábrese o prazo de recollida de avais para converterse en aspirantes á dirección provincial do PSOE. Queda esperar ás votacións destas primarias, fixadas para o sábado 20 de xullo e, sete días máis tarde, polo Congreso Provincial do que sairá o sucesor de Álvaro Santos.