InicioOpiniónDiario da desescalada: un cambio de fase sen desfase

Diario da desescalada: un cambio de fase sen desfase

« A Rubia e a xata son de pouco apuro. Sábeo ben un paxariño que me veu a min co conto da vaca preñada e os cambios de crecente a minguante. Ao paxariño (que non é paxariño, senón un humano confinado) córrelle algo máis de présa iso de mudar de fase. E non precisamente lunar ».

PUBLICADA O

- Advertisement -

Á outra beira do Miño, nun deses concellos de menos de 5.000 habitantes —coma case todos os que non están atravesados pola AP-9— naceu esta pasada madrugada unha xata. Esperábana antes, por aquilo da lúa chea, pero a becerra enredou no ventre da nai. Parece ser que á Rubia non lle caía ben parir xusto no cambio de fase lunar. E como tamén está libre de franxas horarias, que para iso vive en Friol e non en Madrid, a vaca deu a luz de noite.

A Rubia e a xata son de pouco apuro. Sábeo ben un paxariño que me veu a min co conto da vaca preñada e os cambios de crecente a minguante. Ao paxariño (que non é paxariño, senón un humano confinado) córrelle algo máis de présa iso de mudar de fase. No seu calendario mental, igual ca no de todas, está marcada en vermello a data deste luns 11 de maio, nova etapa desta desescalada por chanzos.

A DESESCALADA SEN PASOS EN FALSO

Neste primeiro paso, podemos descolgarnos da escada para estirar algo as pernas entumecidas. Podemos, tamén, sentarnos nunha terraza cun café entre as mans ou no salón dalgunha amiga á que botaramos de menos. A partir de mañá, van chover os reencontros. 

Eu non quixera amargarlle a festa a ninguén, pero o certo é que seguimos penduradas na escaleira (non vaia ser o demo que se nos esqueza!) Cada un na súa, a dous metros de distancia e cunha alarma que non cesa, igual ca esa de polas mañás. A desescalada vai con ganas, pero amodiño para non dar pasos en falso. Aquí, se caemos, o asunto funciona do revés: volvemos subir chanzos. A gravidade (do asunto) dada a volta.

Coronita, aos poucos días de nacer en tempos de pandemia | LX

Por certo, a becerra aínda non ten nome porque seica aos donos non lles cae en graza o santoral de hoxe. Aquí tamén naceu unha xatiña hai un par de semanas. Puxémoslle Coronita, porque Covid soaba máis a can. E porque somos fatos, iso tamén, pero de algo había que rir en estado de alarma e de buena esperanza. Que é o último que se perde! Xa queda menos.


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora Diario de desescalada— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Volve o festival decano da música clásica en Galicia: o Festival Cidade de Lugo, do 17 ao 31 de maio

O festival decano da música clásica en Galicia, o Festival Cidade de Lugo, presentou este...

Inspeción sanciona con case 850.000 euros a dúas empresas implicadas na contratación de temporeiros en Begonte

A Inspección de Traballo impuxo sancións que ascenden a case 850.000 euros ás dúas empresas implicadas...

Axentes atopan a un paciente do HULA en pixama polas rúas de Lugo

A Policía Local de Lugo realizou unha serie de actuacións humanitarias co obxectivo de...

O BNG insta á Xunta a actuar “con urxencia” no xulgado de Lugo tras o seu peche por risco de novos derrubes

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento galego Olalla Rodil solicitou á Xunta que actúe "con...