Decenas de veciños da montaña lucense concentráronse este xoves ante o edificio multiusos da Xunta en Lugo para denunciar a situación que atravesa a atención sanitaria na comarca e reclamar medidas urxentes que garantan unha sanidade pública de calidade no rural. Durante a protesta, os asistentes expresaron o seu malestar pola falta de persoal sanitario, as dificultades para acceder a consultas médicas e a perda progresiva de servizos en municipios da montaña como Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro ou Becerreá.
Os asistentes reuníronse ante as portas do edificio e posteriormente cortaron uns minutos a Rolda da Muralla gritando máximas como ‘Pedriatría nos Ancares’, ‘Cervantes está en loita’, ‘Coa nosa saúde non se xoga’ ou ‘A Montaña non se rende, a nosa saúde deféndese’. Os veciños, entre os que se atopaba tamén o alcalde de Navia, José Fernández, denunciaron que a combinación de envellecemento poboacional, dispersión xeográfica e ausencia de transporte público converte o acceso á asistencia sanitaria nun problema diario para moitas persoas maiores, que en ocasións dependen de familiares ou mesmo de desprazamentos privados para poder acudir ao médico.
Precisamente, Fernández destacou que “non ten sentido que os veciños teñamos que loitar por un dereito tan fundamental como é a sanidade”, engadindo que “non ten ningún sentido que sexamos menos e esteamos peor atendidos”. En representación dos convocantes, Amelia Amigo asegurou que a cidadanía está “cansada de anuncios baleiros e promesas incumpridas” e advertiu de que a situación sanitaria na montaña “é insustentable”, reclamando “unha volta ao que tiñamos antes, como mínimo”.
REIVINDICACIÓNS E APOIOS POLÍTICOS
Os participantes acusaron o Goberno galego de abandonar a atención primaria no rural e reclamaron medidas inmediatas para reforzar o sistema sanitario na comarca. Entre as principais demandas expostas durante a concentración figuran a reapertura do consultorio de Doiras, a cobertura estable e permanente do persoal sanitario en Cervantes e Navia de Suarna e un reforzo real da Atención Primaria en toda a montaña lucense.
Os manifestantes defenderon ademais que o acceso a unha sanidade pública de calidade non pode depender do lugar de residencia nin da capacidade económica de cada persoa e advertiron que a falta de servizos básicos compromete o futuro do rural. A protesta contou tamén co respaldo do BNG, cuxos representantes, entre eles Montse Valcarce, apoiaron as reivindicacións veciñais e reclamaron á Xunta solucións urxentes para garantir unha atención sanitaria digna e estable na montaña lucense.
O SERGAS “GARANTE A ASISTENCIA DE CALIDADE”
Pola súa banda, a área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos reiterou que a asistencia sanitaria nos concellos da montaña lucense “está garantida nas mesmas condicións de equidade, calidade e accesibilidade que no resto da provincia”. A continuación, lembrou que estes concellos están recoñecidos polo Sergas como “zonas especiais de alta montaña”. Esta condición leva que, ademais da atención sanitaria ordinaria en horario de mañá, conten tamén con asistencia sanitaria todos os días da semana ata as 22.00 horas, así como con atención durante os fins de semana e festivos ata a mesma hora.
“Non existe ningún desmantelamento da atención sanitaria nin unha perda de servizos nestes concellos”, afirmou a área sanitaria. O Sergas subliñou que a cobertura de prazas de persoal facultativo é “unha dificultade xeral” en todo o territorio nacional, en Galicia e na provincia de Lugo.
Así, é “aínda máis complexa” en zonas de difícil cobertura, como os concellos da alta montaña, onde é “especialmente complicado” atopar profesionais para cubrir prazas vacantes, substitucións, permisos, baixas ou ausencias puntuais. Con todo, a área sanitaria asegurou que “usa todos os mecanismos organizativos” dos que dispón para garantir a asistencia sanitaria. Finalmente, a xerencia da área sanitaria mostrou o seu respecto ás reivindicacións veciñais, pero subliñou que a poboación da montaña lucense “non está abandonada nin queda sen asistencia sanitaria”.
