A área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo bota a andar a quinta edición do programa “Da Escola á Granxa”, que promove actividades educativas en granxas, producións agrarias e proxectos de emprendemento no rural.
As asociacións de nais e pais de centros de infantil e primaria poden solicitar ata vindeiro 15 de abril a participación no programa, que ofrece subvencións -entre 300 e 1.100 euros – para financiar o desprazamento e o desenvolvemento das actividades recollidas no catálogo do programa, integrada por 45 granxas e proxectos agroalimentarios repartidos por toda a provincia.
“Da Escola á Granxa” ampliou e diversificou un ano máis a súa proposta educativa coa incorporación de 7 granxas novas respecto á última edición, ofrecendo un catálogo con producións diversas, desde a produción de mel, froita e produtos da horta ata a cría
gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos, lácteos, marmeladas, embutidos, galletas ou conservas.
O deputado Daniel García agradeceu “as granxas participantes a súa implicación en deseñar as actividades para os nenos e as nenas que as visitan, mostrándolles a importancia do sector primario na produción de alimentos e na conservación do territorio” e destacou que “a rede de proxectos que conforman o catálogo educativo reflicte a aposta polas granxas familiares, os modelos de produción sostibles e a diversificación produtiva que apoiamos con diferentes iniciativas desde a área de Rural”
O responsable de Rural animou á comunidade educativa a participar no programa, que, explicou, “reforzamos desde o punto de vista económico, incrementando nun 20 por cento o orzamento total, e tamén coa creación de novos materiais didácticos e lúdicos como o libro Os Bolechas van da Escola á Granxa e O Xogo da Pita Choca”
A convocatoria, publicada este sábado no Boletín Oficial da Provincia, conta cun orzamento total de 250.000 euros -50.000 euros mais que na pasada edición -. As bases e os formularios de solicitude están dispoñibles na web da Deputación de Lugo, no apartado de Medio Rural e do Mar (Subvencións Rural – concorrencia Da Escola á Granxa | Deputación de Lugo).
