InicioMovementos sociais“O risco para os bombeiros é alto, e para a cidadanía maior”

“O risco para os bombeiros é alto, e para a cidadanía maior”

A falta de efectivos no corpo leva aos Bombeiros de Lugo a concentrarse e reclamar durante o pleno municipal o desbloqueo das listas de persoal

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os Bombeiros de Lugo concentráronse este xoves durante a sesión plenaria da corporación local para reivindicar un aumento urxente no persoal. No corpo denuncian que están “moi por debaixo” dos efectivos necesarios “para calquera sinistro, por pequeno que sexa”, e reclaman do Concello sacar de inmediato a lista contemplada na última oposición.

A situación é grave. Os recursos humanos son tan escasos que este mesmo mércores había só catro efectivos de servizo: un atendendo a centralita, un condutor e dous bombeiros. “Se hai un lume nun piso, e a un dos compañeiros lle pasa algo, quen os axuda? Non hai bombeiros fóra traballando e apoiando”. Isto ten a consecuencia lóxica de que “é imposible, literalmente, ir a dous sinistros á vez”.

Na actualidade, o corpo conta con 37 efectivos, deles 5 de baixa de longa duración. O panorama empeorará nos vindeiros meses como consta na planificación. A recomendación da Unión Europea é dun bombeiro por cada mil habitantes, algo que os especialistas lucenses consideran “algo esaxerado para unha cidade coma Lugo”. Sitúan a necesidade nun plantel de 75 bombeiros, para ter 15 dispoñibles en cada quenda.

Quéixanse os Bombeiros de Lugo de que non hai canles de negociación co Concello. “Non hai movementos nin avances, non sabemos absolutamente nada”. E solicitan o desbloqueo da listaxe da oposición sacada polo Concello. “Só falta sacar a lista definitiva, data e tribunal; que o fagan xa”.  Son doce as prazas, seis cubertas xa por interinos, que contribuirían a paliar o déficit de persoal.

A reivindicación continuará diante do Concello os días de xunta de goberno, e os bombeiros acudirán aos plenos para reclamar máis efectivos, entre outras accións. “Pedimos persoal para poder traballar e dar un servizo de calidade. O risco para os bombeiros é alto, e para a cidadanía maior”.

A posición da alcaldía

Sobre a oferta pública de emprego, a alcaldesa Lara Méndez aludiu ás limitacións impostas na Lei de Estabilidade Orzamentaria durante a lexislatura anterior, e que ao seu xuízo, impediron cubrir outras situacións que non foran as de xubilación. “É a consecuencia das políticas do Partido Popular no Goberno central”, asegurou a rexedora, negando que o executivo local “desmantelara” os servizos locais.

Ante as expresións de desacordo neste punto por parte dos bombeiros concentrados no salón de plenos, Méndez dixo que “é o dereito de calquera traballador manifestar as súas queixas”, pedindo educación a todos os presentes.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...