InicioMovementos sociaisO posible peche do CEIP de Baamonde, outro "pau nas rodas" para...

O posible peche do CEIP de Baamonde, outro “pau nas rodas” para o rural da provincia

O Concello de Begonte anunciou recentemente a súa intención de clausurar a escola unitaria e reagrupar o alumnado no Ceip Virxe do Corpiño. Nais e pais mobilízanse para defender a continuidade do colexio, no que estudan uns 30 alumnos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Outro “pau nas rodas”. Iso é o que supoñería para a veciñanza de Baamonde e arredores o peche da escola unitaria, decisión que anunciou recentemente o Concello de Begonte. O goberno local procura a fusión do Ceip de Baamonde co Ceip Virxe do Corpiño (Begonte) para impulsar no primeiro edificio un futuro conservatorio municipal. A noticia, que chegou de maneira “abrupta” ás nais e pais, causou o total rexeitamento e xa foi motivo de mobilizacións na súa contra.

Se ben o alcalde, José Ulla (PP), defende que a unificación do alumnado favorecería o ambiente educativo, dende a ANPA do CEIP de Baamonde pensan todo o contrario. As nais e pais da trintena de estudantes deste cole unitario consideran que o servizo alí ofrecido é “excelente”, precisamente pola baixa ratio entre profes e alumnado. Coidan que sería todo un erro mudar isto xusto en tempos de coronavirus, nos que o máis adecuado é desdobrar aula, non reagrupalas ata alcanzar os cen nenos nun só centro.

A iniciativa de pechar o CEIP parte do goberno local, e sobre ela aínda non se pronunciou oficialmente a Consellería de Educación. Os afectados quéixanse de que non se tivo en conta a súa opinión, senón que simplemente se “soltou a bomba” sen atender a argumentos.

CONTRA OS RECORTES NA PROVINCIA

Nais e pais participaron nunha numerosa concentración o pasado domingo, algo que prevén repetir na vindeira fin de semana. Reivindican que se repense esta decisión e que a Xunta de Galicia expoña unha postura clara ao respecto.

No entanto, os socialistas da provincia xa amosaron o seu apoio ás peticións deste colectivo e comprometéronse a levar o caso ao Parlamento de Galicia. A secretaria do PSdeG-Lugo, Patricia Otero, lamentou que este recorte de servizos “afecta de pleno ao rural da nosa provincia” e ligou este caso a outros de concellos próximos: “Primeiro comezaron os recortes coas liñas de autobuses en Lugo, despois os centros de saúde como en Parga ou Castro de Rei, e agora pechan os colexios”, afeou.

+ posts

ÚLTIMAS

Daveiga, a empresa lucense que festexa o ‘Día das Letras Galegas’ cos traballadores

O compromiso co galego da empresa Daveiga, creadora e comercializadora das populares galletas ‘Mariñeiras’, é de...

Centos de persoas protestan en Lugo pola retirada da bandeira palestina do Vello Cárcere tras a chegada de Elena Candia á Alcaldía

Centos de persoas concentráronse este sábado en Lugo para rexeitar a retirada da bandeira...

Elena Candia acompaña á Garda Real en Lugo no seu segundo día como alcaldesa

Elena Candia participou este sábado nos actos organizados pola Garda Real na cidade de...

Candia e Reigosa xuntas en varios actos protocolarios municipais

A concelleira non adscrita de Lugo, María Reigosa, participou este venres en varios actos...