InicioMovementos sociaisParga non se conforma cun consultorio sanitario a medias e loitará ata...

Parga non se conforma cun consultorio sanitario a medias e loitará ata conseguir a reapertura total

O servizo quedara en 'stand by' durante o estado de alarma e o Sergas anunciou agora que se recuperaría "parte da actividade asistencial", pero a atención médica será derivada a Guitiriz, un centro acusado pola saturación xa previamente. Os veciños recollen sinaturas e organízanse contra os recortes nos servizos sanitarios da vila.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A veciñanza de Parga non andaba moi desencamiñada cando amosaba o seu temor pola redución de servizos no consultorio sanitario da vila. O centro médico, pechado dende marzo pola pandemia, reabre agora unicamente con atención de enfermaría e a pacientes crónicos algún día á semana, de xeito que o groso das consultas serán derivadas ao PAC de Guitiriz. A medida non foi acollida con gusto polos veciños, que aseguran que loitarán para esixir a reapertura total do centro.

Hai unhas semanas, a Plataforma Parga Non Se Divide poñía voz a esa preocupación que xa se deixaba entrever na vila. Andaban “coa mosca tras da orella” por se a limitación de servizos durante o estado de alarma se convertía nunha escusa para reducilos definitivamente unha vez se recuperara a normalidade. Falaban non só da situación do consultorio de Parga, senón tamén da oficina de Abanca, cuxo horario de atención ao público se estreitara perigosamente.

O “CARAMELO” PARA ACALAR AS PROTESTAS

O Sergas tentou acalar os temores referidos ao consultorio nunha reunión mantida a semana pasada entre o director da área sanitaria en Lugo, Ramón Ares, o director de Atención Primaria, Rafael Sánchez, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e distintos representantes veciñais. Segundo as afirmacións dos directivos do Sergas, o peche do consultorio era temporal e esta semana xa se recuperaría “parte da actividade asistencial”.

A medida non é suficiente a ollos dos veciños, que a tachan de “caramelo” para silenciar “a contestación social”. Porén, non foi ese o efecto conseguido, senón máis ben o contrario. Amais dunha ampla recollida de sinaturas, a Comunidade de Montes e os comerciantes de Parga xa convocaron unha asemblea para este xoves 18 ás 20:00 horas na que pretenden decidir “as medidas de presión para esixir a reapertura total” do consultorio.

1.500 PACIENTES A GUITIRIZ

Se o Sergas alegaba que o consultorio non tiña a estrutura necesaria para atender a pacientes durante a pandemia, os veciños responden que a alternativa de mandar 1.500 usuarios a Guitiriz tampouco parece moi axeitada por mor das aglomeracións que cabe esperar nun centro xa de por si saturado.

Aínda que nun principio Parga Non Se Divide tamén criticou a posición da alcaldesa de Guitiriz por conformarse cunha “solución miserenta”, finalmente entenden que Marisol Morandeira deu un paso adiante ao sinalar que “os pacientes do consultorio están máis seguros acudindo alí que se teñen ca ir ata Guitiriz, xa que se duplicaría o número de usuarios e polo tanto tamén a posibilidade de contaxio”.

Neste sentido, a veciñanza está disposta a organizarse e loitar por un servizo imprescindible para a vila e cuxa ausencia afectaría ao conxunto da economía local. Ao peche parcial do consultorio sumaríaselle o da oficina de Abanca e mais a “ameaza de división da vila en dous co proxecto de Adif para suspensión dos pasos a nivel”. Tres frontes abertas que esixen un “esforzo” por parte dos veciños: “Quen pretenda atacar Parga vai atopar a todo o pobo en pé diante del”, advirten.


“Coa mosca tras da orella” en Parga por se a redución de servizos se prolonga alén do estado de alarma

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...