InicioMovementos sociaisRuth León, activista: "Se te apelidas Montoya, telo moi difícil para alugar...

Ruth León, activista: “Se te apelidas Montoya, telo moi difícil para alugar unha vivenda”

Esta activista e cantante denunciou recentemente un caso de antixitanismo que sufriu nun comercio de Lugo, onde se sentiu "perseguida" por dúas dependentas. Leva máis de dez anos traballando a prol dos dereitos das persoas xitanas, "as eternas cuestionadas". "Quéixanse de que non nos integramos, pero son os payos quen non nos deixan facelo", critica Ruth León. Ela tamén é moi activa na reivindicación dos dereitos das mulleres, pero aclara: "Se non é antirracista, non é feminismo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ruth León está farta. Farta de que a cuestionen, farta de que a persigan, farta de que sospeiten dela “polo simple feito de ser muller e xitana”. Aínda así, esta cantante e activista ten azos para loitar polo que cre xusto e para tentar rachar con ese racismo que a fatiga.

Demostrouno recentemente, cando denunciou nas redes sociais un caso de antixitanismo que sufriu nun establecemento de Lugo. O vídeo compartido no seu Facebook acumula preto de 100.000 visualizacións, pero o activismo de Ruth León Gabarri non se reduce a iso. Ela leva máis de dez anos traballando en asociacións e plataformas para defender os dereitos das persoas xitanas. Ao tempo, ergue a voz para condenar o machismo e espallar as reivindicacións feministas. “Se non é antirracista, non é feminismo”, sostén.

Ruth León é a voz desta nova entrega da serie ‘VOCES DE LUGO EN FEMININO’. Velaí a conversa.


LUGO XORNAL: Denunciaches ter sido “perseguida” no Arenal da Rolda da Muralla pola túa condición de muller xitana. Foi un caso illado ou bates habitualmente con este tipo de actitudes discriminatorias?

RUTH LEÓN: Non é un caso puntual. Pásame a min e pásalle a máis xitanas e xitanos de Lugo e España. O racismo expándese por todos os sitios.

LX: En que situacións da vida cotiá se volve evidente ese antixitanismo?

RL: Na maneira de tratarnos en xeral. Parece que somos cidadáns de segunda. Nós somos os eternos sospeitosos e perseguidos. Isto é algo que sucedeu ao longo da historia, pero a día de hoxe tamén percibimos discriminación en situacións tan simples como, por exemplo, cando se quere alugar unha vivenda. Se chamas por teléfono para preguntar por un piso, non hai problema ningún. Iso si, ao chegar a xunto do propietario, pasan a dicir que a vivenda xa está alugada. Como te apelides Montoya ou Jiménez, valo ter moi difícil.

As entrevistas de traballo tamén son outro exemplo. Dá igual que o meu currículo sexa mellor ca o da outra persoa, porque é probable que a collan a ela por non ser xitana. Cando accedo a un posto de traballo sempre teño que dar o 300% de min mesma, teño que demostrar continuamente a miña valía. Cuestiónasenos todo o tempo.

“din que os xitanos non nos integramos, pero son os payos os que non nos deixan facelo”

LX: Á súa vez, eses exemplos tamén serven para cuestionar todo o que se fala sobre inclusión dende os medios de comunicación e dende as institucións. Percibes avances importantes? 

RL: Podemos falar de inclusión, pero non de integración. A xente quéixase de que os xitanos non nos integramos, pero son os payos os que non nos deixan facelo. O propio Carqueixo está construído á parte, lonxe da cidade, alí onde estaba o antigo vertedoiro. Como a comunidade xitana era un problema, levárona para onde non se vira. Aínda así, por suposto que hai avances: as xitanas están estudando, traballando… O que queren é que os seus fillos vaian ao colexio, que teñan un emprego, que estean en igualdade de condicións ca o resto… Nós tamén somos partícipes desta sociedade e tamén aportamos cousas.

LX: Que cómpre mudar para achegármonos a esa igualdade que reivindicas?

RL: Necesitamos educar en tolerancia, non en discriminación. Os nenos non nacen sendo racistas. Son racistas polas accións de seus pais. Fai moito mal cando se din cousas como “ei!, que vén un xitano!”, coma se fose o coco; ou cando se utilizan expresións como “vas vestida coma unha xitana”… Todo iso vai calando na sociedade. Son frases feitas…, pero mal feitas!

“non me sinto representada polos discursos das grandes pensadoras feministas. Non falan das xitanas”

A IMPORTANCIA DE NON CALAR

LX: Ti defendes non calar ante esas situacións e dar a coñecer eses casos, tal como fixeches recentemente. De que maneira pode axudar o feito de sinalalo publicamente?

RL: A idea é que a través de moitas denuncias se poida facer algo. Non queremos parches; queremos unha solución que poida vir da man dos partidos políticos. Podería ser, por exemplo, mediante a creación de comisións específicas da comunidade xitana, de modo que haxa persoas xitanas con poder e capacidade de decisión. Cando se fan políticas para os xitanos, non se conta con nós. Parten dunha visión paya; non coñecen as nosas necesidades.

LX: Ademais, es cantante. A música sérveche como medio de reivindicación e de denuncia social?

RL: Eu reivindico falando, pero o que mellor se me dá é cantar. Por iso moitas veces o fago así: cada 25 de novembro, por exemplo, canto contra a violencia de xénero e contra o machismo. No meu repertorio inclúo cancións que falen de temas polos que eu loito. É a miña maneira de expresarme.

“todos os que cortan o bacallau son payos. nin sequera payas”

FEMINISMO E ANTIRRACISMO TEÑEN QUE IR DA MAN

LX: No vídeo que compartiches no teu Facebook falabas dunha dupla discriminación: primeiro, por ser muller; segundo, por ser xitana.

RL: Por ser mulleres xa estamos discriminadas, porque vivimos nunha sociedade patriarcal e machista. Pero nós, ademais de ter que loitar contra iso, temos que loitar tamén contra o racismo. A min xúzgaseme por ser muller pero, a maiores, tamén por ser xitana. Unha muller paya sofre discriminación cando lle dan un posto de traballo a un home antes que a ela; pero unha muller xitana nin sequera chega a esa oportunidade. Cando se fala de romper o teito de cristal eu sempre digo que nós, as xitanas, aínda seguimos pegadas á lama do chan.

LX: Por iso, cando se fala de feminismo cómpre facelo dende unha perspectiva diversa e antirracista. Ao teu ver, o movemento feminista ten en conta isto?

RL: Eu sempre digo que o feminismo ten que ser antirracista porque se non, non é feminismo. Eu levo máis de dez anos traballando arredor disto en asociacións, plataformas… Lin e estudei moito sobre este tema, pero non atopei textos de grandes pensadoras feministas que falen das xitanas. Por iso eu non me sinto representada por eses discursos: ademais das trabas que teñen elas, eu aínda teño outras que derivan da condición de ser xitana. O feminismo ten que ser diverso, témolo que facer entre todas e todos.

LX: Cando se fala da comunidade xitana, téndese a pensar nunha estrutura patriarcal moi ríxida, na que o machismo aínda está máis enraizado. Adoita saír a colación a proba do pano, por exemplo. Son prexuízos creados a través da mirada paya ou, realmente, coidas que é así?

RL: Cando dou algunha charla sempre me preguntan pola proba do pano. Hai que dicir que ese non é un costume noso, senón que o adquirimos ao chegar á Península. Aquí xa se facía en tempos de Isabel a Católica. Hoxe en día, as mulleres xitanas que chegan virxes ao matrimonio fano así porque queren; ninguén as obriga. Eu estou a favor de que cada unha decida sobre o seu corpo.

Eu non penso que os xitanos sexan máis machistas ca os payos. Ao mellor eles verbalizan antes os comentarios machistas, pero estou segura de que son cousas que se lle pasan pola cabeza á gran maioría de homes. O machismo está en todos lados. Ata os xuíces cuestionan as mulleres! E eles son payos… En realidade, todos os que cortan o bacallau son payos. Nin sequera payas… Elas teñen máis difícil chegar a ese privilexio.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...