O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, referiuse este venres aos incidentes vividos nas últimas horas no pleno de Lugo, onde un grupo de veciños increpou aos edís do PP e á concelleira tránsfuga, María Reigosa (á que chegaron a lanzar moedas), e cualificou eses momentos de tensión como unha reacción “espontánea” dos lucenses en rexeitamento da moción de censura.
En declaracións aos medios antes de participar na manifestación conxunta de UGT e CC.OO. polo Primeiro de Maio na Coruña, Besteiro constatou que, “curiosamente, os que pretenden entrar pola porta de atrás, onte tiveron que saír pola porta de atrás do Concello”. “Esa imaxe dio todo”, sentenciou.
O líder dos socialistas galegos insistiu en que as protestas deste xoves no pleno reflicten “a situación que se está vivindo en Lugo”. “Unha cidadanía que, espontaneamente, rexeita esa moción de censura do PP e dunha tránsfuga, dispostos a cambiar o que a vontade dos cidadáns decidiu no seu día e decidirán dentro dun ano”, proclamou.
PONTÓN DENUNCIA PACTOS ESCUROS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a denunciar este venres “a peor das políticas” que o PP está a practicar en Lugo, con “pactos escuros” para arrebatar o goberno municipal a PSOE e BNG, “pervertindo” o voto dos cidadáns. Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de participar na manifestación do Primeiro de Maio convocada pola CIG na cidade herculina.
“Quero facer unha defensa da democracia e quero facer fronte a un Partido Popular que está a practicar a peor das políticas en Lugo, onde vemos como quere pervertir con pactos escuros o que votou a cidadanía”, proclamou.
Para Ana Pontón, o presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “non soporta” que haxa unha goberno local en Lugo no que participa o BNG, un goberno “que leva anos promovendo un cambio e unha transformación” na cidade. “Lamentablemente, o que vemos é como lle está dicindo á cidadanía de Lugo que o seu voto non vale nada”, denunciou a líder nacionalista.
Nese sentido, volveu a acusar ao PP de “comprar vontades” e “utilizar mesmo recursos públicos para levar adiante unha moción de censura que é indecente e antidemocrática”. “Queremos defender que os veciños de Lugo son os que teñen que escoller ao seu alcalde ou alcaldesa, e non os pactos escuros con transfuguismo, que representan un ataque directo á democracia”, sentenciou.
PPDEG: PSOE E BNG “CRUZARON UNHA LIÑA VERMELLA”
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, criticou os incidentes vividos este xoves no pleno municipal de Lugo, con apupos e lanzamento de moedas ao grupo ‘popular’ e á concelleira tránsfuga María Reigosa, impulsores da moción de censura contra o goberno municipal, e acusou ao PSdeG e ao BNG de “cruzar unha liña vermella”.
En declaracións durante unha visita a Cospeito, con motivo da Festa da Filloa de Muimenta, Paula Prado volveu a denunciar a “antitud antidemocrática” de socialistas e nacionalistas, fronte ao que o PP galego denomina como “a moción de impulso” en Lugo.
“Continúan na escalada de insultos, de odio e de manipulación dun proceso democrático”, insistiu o número 2 do PPdeG, que remarcou que PSdeG e BNG “cruzaron unha liña vermella ao tratar de facer todo o posible por boicotear o pleno municipal”, en alusión ao cambio de hora, á “convocatoria de manifestación” e ao feito de que se puxeron “ao lado de quen insulta e agride a representantes municipais democraticamente elixidos”.
Paula Prado reiterou que PSdeG e BNG queren “frear un proceso absolutamente legal, sen ser capaces de defender a súa xestión no goberno bipartito”. “Cando o PP trata de traballar pola cidadanía de Lugo, socialistas e nacionalisas só teñen interese en frear a moción, un proceso que validaron cando se tratou de que Pedro Sánchez chegase á Moncloa”, constatou.
Finalmente, reafirmou o apoio do PPdeG á líder do partido en Lugo, Elena Candia, e ao resto de compañeiros, que “contan cun proxecto para Lugo, pensado en resolver os problemas dos veciños”. “Elena Candia será alcaldesa, e reactivará a cidade, porque merece un goberno mellor e saír da inacción”, sentenciou Prado.
