InicioPolíticaFala Ceibe buscará apoio no BNG para levar ao Congreso a situación...

Fala Ceibe buscará apoio no BNG para levar ao Congreso a situación do galego no Bierzo

Este colectivo contactará co deputado nacionalista Néstor Rego para impulsar algunha iniciativa no Parlamento a prol da protección da lingua galega en territorio berciano. "A Junta de Castela e León non vai mover un dedo se non ten presión de fóra", pensan.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo contactará co Bloque Nacionalista Galego (BNG) para trasladar ao Congreso dos Deputados as súas reivindicacións sobre a situación da lingua galega en territorio berciano. Agardan que o escano dos nacionalistas sirva para facer presión sobre unha problemática que se estende por todas as comarcas estremeiras.

En conversa co Lugo Xornal, o voceiro do colectivo, Xabier Lago, anunciou que Fala Ceibe está “á espera de ver en que comisión parlamentaria se integra Néstor Rego”, deputado do BNG pola Coruña, “para traballar con el a favor dunha maior protección do galego no Bierzo”. “Calquera axuda foránea, neste caso do BNG, vai ser benvida”, afirma.

INFORME DESALENTADOR DO CONSELLO DE EUROPA

Se ben pensa que “moitísimos bercianos” teñen “orgullo” de falar o galego, coida que “aínda hai moito descoñecemento” desta realidade e que falta moito camiño por andar no que respecta á normalización lingüística. De feito, o pasado mes de decembro, o Consello de Europa emitiu un informe no que advertía da falta de amparo e promoción do galego neste territorio leonés.

Non se cumpre coa facilitación do uso do galego en ámbitos públicos (educación, autoridades administrativas, órganos xudiciais, medios de comunicación….) e privados; non se proporcionan instalacións que permitan aos non galegofalantes aprender esta lingua; nin tampouco hai unha aposta por facer investigación académica arredor do galego. Esas foron algunhas das cuestións nas que reparou o Comité de Expertos do Consello de Europa.

LEI AUTONÓMICA DE LINGUAS PARA CASTELA E LEÓN

Aínda que a lexislación está “total ou parcialmente” en conformidade coa Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas, na práctica o compromiso só se implementa en parte”, sostiña o documento. Por iso, Xabier Lago espera traballar de man do BNG “co obxectivo de sacar adiante algunha resolución que force a Junta de Castela e León a unha maior protección do galego”.

A creación dunha lei autonómica de linguas para Castela e León sería un primeiro paso, di. E engade: “A Junta non vai mover un dedo se non ten presión de fóra. Por iso é moi importante o que se poida facer no Congreso dos Deputados ou no Parlamento galego”.

TER EN CONTA AS “COMARCAS ESTREMEIRAS”

Do mesmo xeito, o voceiro de Fala Ceibe pide que non se esquezan as “tres bisbarras estremeiras” á hora de estudar a situación sociolingüística do galego. “Falar da lingua galega é falar de todos os territorios onde se fala, non soamente da Galicia administrativa”, sentencia. Así, lembra que tamén cómpre poñer o foco no que ocorre no Bierzo, no Eo-Navia e nas Portelas de Seabra (Zamora).

ÚLTIMAS

A Audiencia de Lugo absolve a unha muller e a súa filla acusadas de estafar á avoa para que lles dese diñeiro

A Audiencia Provincial de Lugo absolveu a dúas mulleres, nai e filla, que estaban...

Besteiro urxe á Xunta que poña o foco na saúde mental da provincia de Lugo, onde hai “dous suicidios á semana” de media

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este xoves en Lugo da...

O goberno de Lugo reclama ao presidente da Xunta máis investimentos que os anunciadas o luns tras o Consello

A portavoz do PSOE no goberno local de Lugo, Ana González Abelleira, volveu a...

Panadeiros piden “un convenio moderno e con garantías para o sector” na provincia

Un grupo de panadeiros, en representación dos 1.500 que hai na provincia de Lugo,...