A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra en Lugo este domingo, 29 de xuño, farao, por primeira vez, como Ben de Interese Cultural (BIC), tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres, despois de ser aprobado o pasado luns no Consello da Xunta.
Esta distinción acredita o “valor singular como patrimonio inmaterial do pobo galego” que ten esta celebración, que se conmemora sempre o domingo posterior á festividade do Corpus Christi. Suporá a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural, e por tanto un maior nivel de protección.
A declaración foi avalada polos informes favorables do catro órganos aos que se lles solicitou: o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento e a Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela.
Desta maneira, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude culmina a tramitación iniciada en 2024 para darlle esta distinción a unha tradición que se celebra en Lugo desde fai máis de tres séculos de forma ininterrompida, excepto no ano 1809 por estar a cidade en poder dos franceses.
Así, o decreto recoñécelle á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ser un “caso singular dentro da cultura e o patrimonio inmaterial” da Comunidade ao expor “de forma única unha tradición secular dos galegos, así como a “evolución da súa unidade como pobo”. Ademais, representa “unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan a entidade política histórica de Galicia”.
A celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento engloba nesta denominación toda unha serie de actos que inclúen as solemnes vésperas, o propio acto da ofrenda ou a posterior procesión polas rúas do centro da cidade.
Aínda que a celebración ten lugar en Lugo, están presentes os representantes das sete antigas cidades principais do Reino de Galicia: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense e Tui, que rotan cada ano para facer a ofrenda. “Esta cerimonia constitúe a principal mostra de unión deste antigas sete cidades capitais na actualidade”, especifica o decreto.
A declaración BIC da Ofrenda trae consigo “varias recomendacións para garantir a protección e transmisión desta cerimonia única” destacando que se debe “incrementar o volume de investigacións e rexistrar e sistematizar os documentos relacionados co patrimonio”.
Ao mesmo tempo, considérase preciso desenvolver medidas de promoción e valorización da Ofrenda, “co fin de mostrala como unha das poucas manifestacións inmateriais vivas que evocan ao Antigo Reino de Galicia”.
OS ACTOS DO DOMINGO
A Ofrenda estará este ano a cargo da cidade de Betanzos, encabezada pola súa alcaldesa, María Barral. A misa solemne será ás 11.00 horas do domingo, sesión que estará presidida polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto.
A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas participará coa elaboración dunha alfombra floral situada no atrio da Catedral. Un equipo formado por vinte e catro persoas desprazarase ata a cidade para confeccionar, durante a madrugada do domingo, unha alfombra de flores ao estilo tradicional das que se realizan en Ponteareas con motivo da festividade do Corpus Christi.
Cun diámetro de oito metros e unha superficie aproximada de 50 metros cadrados, a alfombra ten como motivo central un cáliz de ouro. O seu deseño presenta unha forma de estrela de sete puntas en representación simbólica do sete capitais do antigo Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Mondoñedo, Betanzos e Tui. O deseño foi realizado por Miguel García.
O grupo Os Xílgaros de Lugo interpretará varias pezas musicais tanto antes da cerimonia, ás 10:00 horas na Porta Norte, como durante a procesión posterior.