InicioMedioambiente e PatrimonioDos Alpes italianos a Vilalba: así foi a viaxe marítima dun machado...

Dos Alpes italianos a Vilalba: así foi a viaxe marítima dun machado fabricado hai 6.000 anos

Un estudo no que participan investigadores da USC traza o percorrido desta peza única na Península Ibérica. Trátase dunha xadeíta perforada que saíu do Piamonte, pasando pola Bretaña ata chegar a Vilapedre, onde foi descuberta no século XIX

PUBLICADA O

- Advertisement -

Esta é a historia de como un machado fabricado hai máis de 6.000 anos no Piamonte italiano dos Alpes rematou chegando á parroquia de Vilapedre, en Vilalba. Un artigo publicado na revista Journal of Lithic Studies da Universidade de Edimburgo afonda no percorrido desta ferramenta, que foi descuberta a finais do século XIX no concello vilalbés. Trátase da única peza destas características atopada ata o de agora en toda a Península Ibérica.

A investigación, asinada polos investigadores da USC Óscar Lantes, Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, así como por autores de universidades estranxeiras, sinala que o machado pasou “de man en man” dende o Piamonte á Bretaña, “rexión na que foi modificada ao practicarlle unha perforación”. “Talvez encarando os perigos dunha travesía marítima, o machado arribou ao norte de Galicia“, engaden.

O estudo efectuouse en base ás análises da peza achada en Vilapedre e a outras  mostras de xadeíta e outras pedras verdes procedentes de diversos puntos dos Alpes italianos, onde estas materias primas foron explotadas durante o Neolítico.

 A TRAVÉS DO MAR

Os resultados destas análises confirman que a rocha verde na que está fabricada a peza atopada en Vilapedre trátase dunha xadeíta que moi probablemente viña das inmediacións do curso alto do río Po ao seu paso por Revello, no Piamonte italiano, confirmando así as impresións de diversos especialistas feitas a partir da análise superficial desta peza ao longo dos últimos cincuenta anos.

Porén, resulta moi probable que dita peza non viaxase directamente dende os Alpes ata Galicia. “O machado de Vilapedre foi transportado orixinalmente á Bretaña francesa, onde tería sido remodelado seguindo os gustos locais: puíndoo ata dotar á súa superficie dun brillo especular e sendo perforado na súa parte proximal ou talón, probablemente para ser empregado como adorno destinado a lucir pendurado no peito dalgún individuo prominente”, explica o profesor Ramón Fábregas. Dende a Bretaña viaxaría posteriormente ata o norte da provincia de Lugo, probablemente por mar, tal e como suxire a ausencia deste tipo de machados perforados noutras áreas ao sur do val do Río Garona.

Aínda que a orixe exacta desta peza dentro da parroquia de Vilapedre continúa sendo unha incógnita, a revisión dos arquivos persoais do seu descubridor, o historiador vilalbés falecido en 1909, Manuel Mato Vizoso, suxire que o machado podería proceder dalgún dos túmulos existentes na parroquia homónima, como os que conforman a necrópole da Bouza ou Veiga da Garea.

Os resultados deste traballo, realizado no marco do proxecto ‘JADE 2: Objets-signes et interprétations sociales des jades alpins dans l’Europe néolithique, 2013-2016’ (ANR-12-BSH3-0005-01. Agence Nationale de la Recherche), constitúen unha proba máis da existencia de conexións e da circulación de obxectos entre dúas das principais Fisterras atlánticas, Galicia e Bretaña, dende polo menos o V ou IV milenio a.C.

ÚLTIMAS

A Garda Civil de Lugo identifica a tres autores de estafas a congregacións relixiosas

Unha investigación levada a cabo polo Equipo de Investigación Tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda...

Lugo roza este mércores os -10 graos

As temperaturas mínimas rozaron este mércores os 10 graos negativos nas provincias de Lugo...

Un veciño de Zamora participa na ruta de 4×4 de Becerreá con matrículas falsas

A Garda Civil investiga a un veciño de Zamora de 37 anos como suposto autor dun...

Interceptado en Lugo un condutor que cuadriplicaba a taxa de alcol permitida e circulaba en sentido contrario

A Policía Local de Lugo interceptou este pasado fin de semana a un condutor que circulaba en...