EFE.- Axentes da Policía Autonómica imputaron como investigado a un veciño de Pedrafita do Cebreiro por prender lume no monte para conseguir máis superficie de pastoreo.
A investigación, desenvolvida coa colaboración de axentes ambientais do Distrito VII A Fonsagrada-Os Ancares, céntrase nos feitos producidos o pasado 13 de marzo en Lousada, na parroquia de San Vicente. Alí, o lume afectou a 0,3 hectáreas de monte raso.
Segundo a investigación, o sospeitoso decidiu valerse do lume para “eliminar vexetación” e “ampliar a zona de pastoreo”. Supostamente incumpriu a normativa en vigor, porque non dispoñía de autorización para efectuar a queima e, ademais, aplicou directamente o lume “ao pé” das matogueiras.
CASO SIMILAR EN BARALLA
Trátase do segundo incendio esclarecido esta semana nese municipio da Montaña de Lugo. O outro está relacionado co concello de Baralla, onde un veciño está a ser investigado como o suposto autor dun incendio en San Pedro de Sixirei.
As dilixencias quedaron en mans do Xulgado de Becerreá. Na actual campaña contra os incendios forestais foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica oito persoas. EFE