InicioEconomíaA ampliación do colexio de Outeiro de Rei comezará en xullo

A ampliación do colexio de Outeiro de Rei comezará en xullo

As obras teñen un prazo de execución de seis meses, coa previsión de que a obra principal estea rematada co comezo do curso e non interfira coas clases

PUBLICADA O

- Advertisement -

Coincidindo co inicio das vacacións escolares, a Xunta de Galicia dará inicio á ampliación do Colexio Laverde Ruíz de Outeiro de Rei. As obras comezarán nos vindeiros días, cunha adxudicación de 865.600 euros a cargo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo este xoves unha xuntanza coa directora do centro, Noa Piñeiro, e outros representantes do equipo directivo. Na reunión participaron tamén o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, a subdirectora de construcións e equipamento da Consellería, María Jesús López, a xefa territorial da Consellería en Lugo, Mariña Gueimunde, e os responsables do proxecto e da empresa adxudicataria (Ángel Jove, S.A.), entre outros.

Balseiro explicou as previsións de desenvolvemento dos traballos, a iniciar na primeira semana de xullo coa demolición da cuberta. As obras teñen un prazo de execución de seis meses, coa previsión de que en setembro estean rematadas tanto a nova estrutura como as obras interiores, para non interferir no normal desenvolvemento das clases.

A Xunta licitou esta actuación con tramitación urxente debido á necesidade de dar resposta ao incremento do censo escolar do municipio, que xa levou a ampliar o aulario de Educación Infantil nos anos 2014 e 2015. Polo de agora está contemplada a construción dunha nova planta que dará cabida a oito aulas máis, despacho e aseos adaptados, todo nunha superficie de 806 metros cadrados adicionais.

Outras reformas

Amais de engadir unha segunda planta, o outro gran cambio do colexio de Outeiro de Rei xurdirá da nova formulación da cuberta: abranguerá completamente o patio interior, sobreelevada sobre a cuberta propia dos espazos educativos, xerando un lucernario perimetral que evitará que se reduza a iluminación na zona central. Os ventanais de peche dos corredores cara ao patio substituiranse por varandas, transformando o patio nun espazo comunicado e aberto.

O proxecto obriga a modificar tamén outras dotacións, como o incremento de medidas de protección contra incendios, para o que se construirá unha escaleira exterior de seguridade e bocas de incendio equipadas en cada planta e no exterior.

No primeiro andar reordenaranse espazos para ampliar o corredor que conduce ao polideportivo e zonas de xogo, cunha baixada ao exterior con escaleira e rampla adaptada, reorganizaranse os aseos e ampliarase a sala de profesores.

Respecto do equipamento, instalarase asemade unha nova caldeira de gasoil, procurando un mellor control e rendemento do sistema, así como tomas informáticas de voz e datos e todos os servizos auxiliares precisos.

ÚLTIMAS

O Goberno de Lugo apoia a proposta de que a ponte sobre o Miño da N-540 reciba o nome de Tomás Notario Vacas

O goberno local de Lugo aceptou a proposta do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos para...

Choca contra un coche aparcado e ten que ser excarcerada

Os bombeiros tiveron que excarcerar este venres a unha condutora que resultou ferida ao...

Identificado un condutor que circulaba a 220 km/h nunha estrada de 100 km/h tras subir un vídeo

A Garda Civil investiga a un condutor que circulaba a 220 quilómetros por hora nunha estrada limitada...

O PSdeG acusa ao PP de Lugo: “Son unha máquina de mentiras”

O senador do PSdeG pola provincia de Lugo, César Mogo, acusou ao Partido de...