O salón de sesións da Casa do Concello acolleu este luns a presentación de Lugopoética 2026, unha publicación que recolle os contidos das conversas poéticas celebradas na sede da UNED en Lugo durante o primeiro semestre deste ano, baixo a dirección do profesor e poeta Xosé Carlos Ulloa.
Candia ratificou o apoio do Concello a esta iniciativa, entendendo que a promoción da literatura e da poesía forma parte do compromiso institucional coa cultura galega. Neste sentido, puxo en valor a importancia de contar con espazos que permitan dar a coñecer o traballo das persoas creadoras e achegar a poesía á cidadanía.
Lugopoética naceu co obxectivo de dar visibilidade á ampla tradición poética lucense e achegar ao público tanto voces consolidadas como novos autores e autoras que destacan pola súa creación literaria en galego. Esta nova edición conta coa participación de doce poetas procedentes de Chantada, Castroverde, Sarria, Lugo, Paradela, Guitiriz, Cospeito e Corme. As persoas asistentes ao acto recibiron un exemplar do libro.
Ademais das autoridades, interviñeron o director dos encontros, Xosé Carlos Ulloa; o presidente de Egeria, Xulio Xiz, e as e os poetas Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso, Alicia Fernández, Elena Pérez, Eduardo Carreira, Ánxela Gracián, Anamar Fraga, Mariluz Balsa, Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto.
A presentación contou tamén co acompañamento musical á frauta traveseira de Angélica Darriba Fernández, de 13 anos, integrante das Escolas Músico Crisanto e da Banda Sons e Soños, que xa participou coa súa música en varios destes encontros poéticos. Lugopoética conta co patrocinio do Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a UNED, e o acto estivo organizado por Egeria e Brandán Comunicación.
RECIBIMENTO Á DEPORTISTA NEREA MURADO
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, recibiron no Salón de Plenos do Concello á deportista lucense Nerea Murado Corredoira para trasladarlle os seus parabéns polos éxitos acadados no Campionato de España de Armas Deportivas, celebrado do 1 ao 4 de outubro en Las Gabias (Granada).
A integrante do Club de Tiro San Froilán proclamouse campioa de España na modalidade feminina de pistola aire velocidade, cun resultado de 22 tocados. Ademais, conseguiu o ouro por equipos xunto a Yelco Silva Novo, o seu marido, e Héctor Murado Corredoira, o seu irmán. O trío sumou 64 tocados e impúxose aos seus rivais, nun éxito deportivo que tamén ten un importante compoñente familiar.
A alcaldesa puxo en valor o exemplo de Nerea Murado, que demostra que con esforzo, constancia e ilusión as mulleres poden acadar os retos que se propoñen tamén no ámbito deportivo. Un éxito que, ademais dos méritos individuais, se vive e se celebra en familia, compartindo a paixón polo tiro e o traballo que hai detrás destes resultados.