InicioLugo e contornaLugoO PSOE de Lugo pide levar a pleno a ordenanza de contaminación...

O PSOE de Lugo pide levar a pleno a ordenanza de contaminación acústica do anterior goberno local

Os socialistas reclaman á alcaldesa que deixe de utilizar a convivencia como arma de oposición e comece a exercer as responsabilidades que lle corresponden como Goberno

PUBLICADA O

- Advertisement -

 

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, esixiu este martes ao Goberno de Elena Candia que aprobe de inmediato a nova Ordenanza Municipal de Ruídos, unha norma que continúa sen entrar en vigor catro meses despois da moción de censura e que resulta especialmente necesaria nun momento no que a cidade afronta importantes problemas de convivencia vinculados á contaminación acústica e aos locais conflitivos.

González Abelleira lembrou que a ordenanza foi deixada preparada polo anterior Goberno municipal despois de practicamente un ano de traballo técnico e político e tras incorporar as achegas do tecido veciñal, asociativo e dos sectores afectados. O texto incorpora un marco normativo actualizado, ferramentas específicas para facilitar a actuación da Policía Local e un réxime sancionador que permite adoptar medidas proporcionadas, incluído o peche temporal de establecementos e a clausura nos casos máis graves.

“A situación é especialmente grave porque estamos ante unha norma que Candia necesita hoxe para facer fronte aos problemas que ela mesma prometía solucionar cando estaba na oposición. Non podemos esquecer que afirmou publicamente que os locais conflitivos da rúa Tui podían pecharse en 24 horas. Pasaron meses desde que chegou ao Goberno e non só non cumpriu aquela promesa, senón que mantén paralizada a ordenanza que permitiría dotar ao Concello de máis instrumentos para actuar”, sinalou a portavoz socialista.

Para González Abelleira, esta contradición resume a maneira de gobernar do actual Executivo. “Na oposición todo parecía fácil: prometía solucións inmediatas, aseguraba que podía actuar en 24 horas e responsabilizaba ao anterior Goberno de non facelo. Agora que ten a responsabilidade de gobernar, descubrimos que aquelas promesas eran simplemente propaganda. O problema é que a súa incapacidade para cumprir está tendo consecuencias directas sobre a convivencia dos veciños e veciñas”, afirmou.

A edil socialista advertiu de que a ordenanza non é unha cuestión menor nin meramente administrativa. Trátase dunha ferramenta necesaria para garantir o dereito ao descanso, a intimidade domiciliaria e a convivencia, ao tempo que permite establecer regras claras para compatibilizar a actividade económica coa protección da cidadanía. O texto establece, ademais, sancións económicas que poden chegar aos 300.000 euros nos supostos máis graves e medidas non pecuniarias como o peche temporal ou a clausura de establecementos.

“Lugo non pode seguir sen esta ferramenta por falta de vontade política. O texto está feito, foi traballado durante meses e incorpora as necesidades trasladadas polos distintos sectores. O único que ten que facer Candia é tramitalo e aprobalo. Cada mes que pasa sen facelo é un mes no que os veciños continúan sen unha ordenanza moderna e eficaz para defender o seu dereito ao descanso”, denunciou.

González Abelleira considera especialmente preocupante que o atraso se produza precisamente cando o Goberno municipal debería estar concentrando todos os seus esforzos en mellorar a convivencia e ofrecer respostas aos problemas que afectan directamente aos barrios. “Non entendemos que unha norma preparada e consensuada poida permanecer nun caixón durante catro meses. E entendémolo aínda menos cando a actual alcaldesa utilizou este mesmo problema durante anos para atacar ao Goberno municipal e facer promesas que agora é incapaz de cumprir”, engadiu.

A portavoz socialista lembrou que a ordenanza foi deseñada para facilitar a súa aplicación efectiva e outorgar novas ferramentas aos axentes da Policía Local, incluída a posibilidade de formular denuncias directas en determinados supostos sen necesidade dunha comprobación acústica instrumental previa. “Isto é precisamente o que necesitamos: seguridade xurídica, procedementos claros e capacidade de actuación. Non anuncios, non promesas e non escusas”, afirmou.

Finalmente, González Abelleira reclamou á alcaldesa que deixe de utilizar a convivencia como arma de oposición e comece a exercer as responsabilidades que lle corresponden como Goberno. “Candia tivo anos para prometer desde a oposición e agora leva catro meses para cumprir. A realidade é moi sinxela: a ordenanza está preparada e Lugo precisa dela. Se a alcaldesa realmente quería acabar cos problemas dos locais conflitivos, ten unha ferramenta diante dela. Que a aprobe. O que non pode facer é dicir unha cousa cando está na oposición e facer exactamente o contrario cando chega ao Goberno”, concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

Unha colisión entre unha furgoneta e un camión deixa un ferido atrapado en Castro de Rei

O condutor dunha furgoneta resultou ferido este venres nun accidente de tráfico rexistrado na...

Candia recibe o Cónsul Xeral de Portugal en Galicia para abordar novas vías de colaboración con Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Turismo e Museos, recibiu...

O antigo colexio do Sagrado Corazón xa é dos lucenses trala sinatura hoxe da acta de expropiación

O antigo colexio do Sagrado Corazón volve ser desde hoxe dos lucenses. Desde as...

Lugo formaliza a ocupación dos terreos para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón

O proxecto para construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo,...