A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión co director de Comunicación do Caudal Fest, Esteban Girón, na que acordaron habilitar a Casa do Concello como punto de prepulseración do festival.
A iniciativa permitirá que as persoas asistentes poidan colocarse previamente a pulseira antes de acudir ao recinto. Deste xeito, unha vez no festival, poderán dirixirse directamente ao control de seguridade, reducindo os tempos de espera e facendo máis áxil a entrada.
A prepulseración realizarase na oficina situada na planta baixa da Casa do Concello durante os días mércores 16 e xoves 17 de setembro, nas xornadas previas á celebración do festival.
A medida está especialmente pensada para facilitar a participación da veciñanza de Lugo e contribuír a unha experiencia máis cómoda para as persoas que acudan ao Caudal Fest.
RECIBIMENTO COMPETIDORES PARAKARATE
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, recibiron a Xoán Rosa Valcárcel e Ian Alejandro Pulido González, dous novos deportistas lucenses que están a destacar no parakarate.
Xoán, de 9 anos, compite na categoría K30 e vén de sumar unha tempada chea de éxitos. É Grand Winner da Liga Galega en 2025 e 2026, Grand Winner da Liga Nacional 2025, campión de España Infantil 2026 e campión da Copa Internacional de España de Parakarate 2025.
Ian, tamén de 9 anos, compite na categoría K23. En 2026 proclamouse Grand Winner da Liga Galega e subcampión de España de Parakarate.
Durante o encontro, Candia e Carballo felicitaron aos dous polos resultados acadados e polo esforzo que hai detrás de cada competición. A recepción serviu tamén para compartir con eles e coas súas familias un momento de recoñecemento ao seu camiño deportivo.
A alcaldesa sinalou que “son dous grandes embaixadores de Lugo” e aseguroulles que o Concello seguirá ao seu carón para celebrar cada novo paso.
