Ambos os proxectos atopábanse nunha fase inicial de redacción co obxecto de mellorar estes espazos públicos, polo que o novo Goberno incorporou, entre outras cuestións, a renovación integral dos servizos. Con estas intervencións dignifícanse e modernízanse estes ámbitos da cidade, mellorando a súa imaxe, ordenando os usos, gañando espazos para os peóns e dando solucións ás necesidades de estacionamento. O investimento destes dous proxectos suma máis de 860.000 euros: 469.254,17 euros na Praza de San Lourenzo e 390.780,57 euros na conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo. Ademais, contan cun 60 % de financiamento dos fondos FEDER, dentro do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, no marco do Plan EDIL/PAI Novo Norte.
Paradai: así vai cambiar a conexión entre Río Eo e Otero Pedrayo
Na actualidade a rúa ten só 6 metros de sección, con dúas beirarrúas estreitas de aproximadamente un metro e unha calzada central de 4 metros. Coa actuación, pasará a ter unha plataforma única de 7 metros, sen barreiras e con prioridade para os peóns. O aparcamento estará ordenado, xa que actualmente é habitual que se estacionen vehículos sobre a beirarrúa xerando problemas de accesibilidade; co novo deseño haberá 5 prazas en batería no extremo xunto a Río Eo para evitar que os coches invadan o espazo peonil. A rúa seguirá tendo acceso para vehículos, pero non será unha vía de paso xeral, polo que só poderán circular residentes, servizos, emerxencias e mantemento, mantendo a prioridade peonil.
Para facer o percorrido máis seguro e accesible, eliminaranse barreiras, adaptaranse as rasantes e instalaranse pavimentos táctiles nos cruces, cambios de nivel e puntos de advertencia. Así mesmo, renovaranse as redes que hai debaixo da rúa mediante a renovación integral do saneamento e do abastecemento de auga, xunto coa ordenación e soterramento das infraestruturas de telecomunicacións, electricidade e iluminación. A rúa terá máis verde e máis espazos para estar, conservando o arborado existente de maior porte e incorporando novas zonas axardinadas, céspede, especies aromáticas e ornamentais, así como espazos de estancia con bancos. Por último, tamén haberá espazos para os nenos e para descansar con dúas pérgolas, mobiliario urbano, unha pequena zona de xogos infantís no ámbito superior preto de Otero Pedrayo e un aparcabicis para catro bicicletas.
Así vai cambiar a Praza de San Lourenzo
A superficie verde continua da praza pasará de aproximadamente 320 m² a 700 m², o que supón máis do dobre. Manterase o arborado existente e pasarase de 25 a 35 árbores, un incremento do 40 %. Deste xeito, haberá máis sombra e menos calor grazas á incorporación de máis arborado, pavimentos permeables e materiais de menor absorción térmica, estimando unha redución da temperatura superficial de entre 8 e 12 ºC nos itinerarios principais respecto da situación actual. As áreas de xogo reorganizaranse e integraranse dentro do espazo verde, conectadas cos percorridos peonís, destinando 534,60 m² a xogos infantís con pavimento continuo de caucho.
Crearase unha zona especialmente pensada para a estancia, con bancos e unha pérgola ou elemento lixeiro de sombra no sector sur. O aparcamento quedará ordenado, xa que na actualidade poden chegar a estacionar ata 12 vehículos sen prazas delimitadas, dificultando o acceso aos garaxes e penalizando o paso peonil; co proxecto habilitaranse 18 prazas ordenadas en total, repartidas en 12 prazas en batería e 6 en liña. A praza terá unha nova organización cunha gran superficie verde central que integra os diferentes usos de camiñar, xogar e estar, ademais de contar con percorridos peonís claros e continuos sen a fragmentación actual e con pavimentos accesibles. Renovarase a iluminación da praza e do pasadizo con tecnoloxía LED, reforzando especialmente os accesos, cruces, zona infantil e pasadizo. Finalmente, incorporaranse pérgolas, novas plantacións e un elemento de muro-banco arredor das zonas de xogo.
