O Grupo Municipal Socialista instou ao Goberno de Elena Candia a retirar de inmediato a nova guía turística presentada a pasada semana polo Concello de Lugo, ao considerar que contén numerosos erros e inexactitudes que comprometen a calidade, o rigor e a credibilidade dunha publicación que pretende actuar como carta de presentación da cidade ante visitantes e turistas.
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, cualificou de “especialmente grave” que a publicación incorra nun erro histórico tan evidente como confundir a Ponte Romana coa Muralla de Lugo á hora de referirse á condición de Patrimonio Mundial da UNESCO. “Non estamos ante un matiz menor nin ante unha cuestión de interpretación. A Muralla de Lugo é Patrimonio Mundial desde o ano 2000. A Ponte Romana non ten esa consideración. Que unha guía turística oficial do Concello confunda dous elementos tan relevantes do patrimonio da cidade é unha mostra evidente de que o documento non foi sometido á revisión e supervisión necesarias. é inadmisible que ese documento siga representando a Lugo nin un minuto máis”, afirmou.
Os erros, ademais, non se limitan á confusión sobre a Ponte Romana. A guía afirma, por exemplo, que a Sala Porta Miñá acolle exposicións temporais de pintura, unha descrición que podería corresponder a unha realidade de hai case tres décadas, pero que non se corresponde coa función que desempeña actualmente este espazo, dedicado ao Lugo romano. Tamén presenta a Praza Maior destacando as súas fontes como elemento singular, sen contextualizar nin explicar adecuadamente o seu valor patrimonial, e atribúe ao MIHL a función de contar a historia de Lugo e da súa provincia, ofrecendo unha descrición que non se corresponde co enfoque e contidos do equipamento.
“Estamos ante unha acumulación de erros que evidencia que ninguén con coñecemento suficiente da cidade e do seu patrimonio revisou o documento antes da súa publicación. A guía asegura que a Porta Falsa é de orixe medieval e que a Porta de Santiago atópase en estado orixinal, confunde o estilo arquitectónico do Palacio Episcopal, erra nas datas do Círculo das Artes é atribúe actividade a praza Maior no Medievo cando non existía ainda, erra na orixe do nome do barrio da Tinería. Poderíamos continuar…”, advertiu González Abelleira.
A edil chamou igualmente a atención sobre a utilización de material fotográfico sen unha identificación rigorosa da autoría, incluíndo imaxes realizadas por recoñecidos profesionais da fotografía como material que podería pertenecer a Xurxo Lobato e tamén por outros autores, que deben ser correctamente identificados e recoñecidos nunha publicación oficial. “A ansia por proxectar a imaxe de Candia a toda costa fan que estean a traballar sen rigor técnico deixando unha imaxe monocolor da cidade que só representa a propia Candia e os seus intereses”, sinalou a edila.
Para González Abelleira, estes erros resultan especialmente preocupantes porque afectan a varios dos elementos centrais da identidade e da proxección turística de Lugo. “Se queremos promocionar a nosa cidade, o primeiro que temos que facer é contar correctamente a súa historia e explicar con rigor o seu patrimonio. Non podemos pretender que unha publicación oficial sexa unha ferramenta de promoción turística e, ao mesmo tempo, difunda información incorrecta sobre os nosos principais bens patrimoniais”, sinalou.
A portavoz socialista advertiu ademais de que o problema non se limita a esta cuestión. “A guía contén erros ortográficos, castelanismos e afirmacións históricas que, cando menos, deberían ter sido revisadas por persoas con coñecementos especializados. Unha publicación deste tipo non pode saír á rúa sen pasar polo filtro dos servizos técnicos municipais e sen contar coa revisión de profesionais da historia e do patrimonio”, explicou.
González Abelleira considerou especialmente preocupante que o Concello dispoña de persoal técnico especializado en Turismo e, malia iso, se presente unha guía con este nivel de erros. “Lugo ten profesionais perfectamente capacitados para elaborar, revisar e validar unha publicación turística. O que non entendemos é que se prescinda dese coñecemento e se presente como oficial un documento que evidencia que non contou co nivel de supervisión técnica que debería esixirse”, afirmou.
A edil socialista cuestionou tamén o tratamento da autoría das imaxes incluídas na publicación. Segundo advertiu, numerosas fotografías empregadas na guía non serían obra do concelleiro Agustín Gallego, senón de diferentes profesionais da fotografía da cidade, mentres que nos créditos da publicación non se diferencia adecuadamente a autoría das distintas imaxes. “Nunha publicación oficial hai que respectar escrupulosamente a propiedade intelectual e recoñecer o traballo de cada profesional. Non é aceptable presentar como propia a autoría de fotografías realizadas por outras persoas”, denunciou.
Neste sentido, González Abelleira reclamou ao Goberno municipal que aclare de maneira inmediata a procedencia e autoría de todas as imaxes utilizadas. “Falamos do traballo de profesionais da fotografía de Lugo que teñen dereitos sobre as súas obras e que merecen que o Concello respecte o seu traballo. A institución municipal debe ser precisamente a primeira en dar exemplo no cumprimento das normas e no recoñecemento da autoría”, afirmou.
A portavoz adxunta relacionou esta situación coa maneira de actuar do actual Goberno municipal. “Estamos ante unha publicación que debería ser unha ferramenta profesional de promoción turística e que, pola contra, transmite improvisación, falta de rigor e ausencia dunha revisión técnica suficiente. Isto non é unha cuestión estética nin unha discrepancia política: é unha cuestión de responsabilidade instituciona. Contabamos a nivel institucional cun documento base elaborado por Darío Xohán Cabana, que este goberno en vez de mellorar e actualizar decidiu substituir por contido cunha falta de rigor alarmante”, subliñou.
O Grupo Municipal Socialista considera que os erros detectados fan necesaria a retirada da actual edición e a elaboración dunha nova versión sometida aos correspondentes controis técnicos. “Non se trata de ocultar os erros ou de facer como se nada tivese pasado. O correcto é retirar a guía, revisar os contidos, comprobar as fontes históricas, corrixir os erros lingüísticos e garantir que todas as fotografías conten coa súa autoría correctamente identificada”, explicou González Abelleira.
Finalmente, a portavoz socialista reclamou ao Goberno de Candia que aproveite esta situación para recuperar o criterio profesional dos servizos municipais. “Lugo ten patrimonio, historia e recursos turísticos de primeira orde. O que necesita é unha promoción á altura desa realidade. Contamos con persoal técnico especializado, con historiadores, con profesionais da comunicación e do deseño e con excelentes fotógrafos. O Concello debe poñer ese talento ao servizo da cidade e garantir que todo o que publica leva detrás rigor, coñecemento e respecto polo traballo alleo”, concluíu.
