O Concello de Lugo abrirá mañá, 24 de agosto, o prazo de matrícula nas Casas das Linguas da Estrada da Granxa e María Balteira para o curso 2026-2027. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 24 de setembro. A programación inclúe formación en inglés, francés, alemán e galego, con diferentes niveis para persoas adultas e actividades adaptadas a nenos e nenas.
No caso do inglés, a oferta para adultos abrangue os niveis A1, A2, B1 e B2-C1, mentres que para o alumnado infantil inclúe actividades para bebés, Infantil e Primaria. En francés ofértanse os niveis adultos A1-A2 e A2-B1, ademais de actividades para bebés, Infantil e Primaria. Tamén se poderá aprender alemán, con niveis de iniciación, básico e intermedio para adultos e iniciación e Primaria para o alumnado infantil, así como galego, con niveis de iniciación e CELGA para adultos e actividades para Primaria.
A programación incorpora ademais propostas específicas como inglés para bebés e familias, intercambio cultural en inglés, Magic English e Musical English, así como actividades de galego, francés e alemán adaptadas ás diferentes idades.
As actividades desenvolveranse entre o 1 de outubro de 2026 e o 18 de xuño de 2027. As clases para adultos terán unha duración de 75 minutos, mentres que as infantís serán de 50 minutos. As clases contarán con 20 prazas para adultos e 15 para actividades infantís. No caso de que sexa necesario realizar un sorteo de prazas, este terá lugar entre os días 25 e 26 de setembro. A formalización da matrícula das persoas admitidas realizarase os días 29 e 30 de setembro.
Ademais, os menores de 14 anos están exentos do pagamento. Para o resto do alumnado, as bases establecen unha matrícula de 30,90 euros por idioma para o curso anual. Con esta nova convocatoria, o Concello continúa ofrecendo ás familias e á cidadanía espazos municipais para aprender idiomas, mellorar as competencias lingüísticas e facilitar a comunicación e o coñecemento doutras culturas.
DESCONEXIÓN CAMIÑANDO
O programa “Sendas para a desconexión”, impulsado polo Concello de Lugo, continúa achegando á cidadanía a posibilidade de coñecer o patrimonio natural e cultural do municipio a través de 23 paseos guiados e gratuítos programados durante os meses de agosto e setembro.
Dentro desta programación, os concelleiros Gustavo Díaz, responsable de Política Social, Maiores e Migración, e Silvia Colmenero, responsable de Industria e Mercados, participaron na Ruta das Chousas, un percorrido pola parroquia de O Veral. Trátase dunha senda de trazado circular, cunha duración estimada de dúas horas, que discorre pola contorna do río Mera, dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
A iniciativa permite coñecer diferentes espazos do municipio a través de percorridos guiados, combinando a actividade ao aire libre co descubrimento do patrimonio natural e cultural de Lugo. A participación nestas rutas é gratuíta e non é necesario realizar inscrición previa.
A programación continuará o próximo 29 de agosto coa ruta “O Vello Lugo Agrario”, que terá como punto de saída Santalla de Bóveda. Con esta iniciativa, o Concello ofrece 23 oportunidades para descubrir Lugo doutro xeito, camiñando polos seus espazos naturais e coñecendo o patrimonio do municipio.
REPITANDO DE SINALIZACIÓN
O Concello de Lugo vén de iniciar o repintado da sinalización horizontal no barrio de Fontiñas, unha actuación que quedará rematada ao longo desta semana e que contribuirá a reforzar a seguridade viaria, tanto de peóns como de condutores.
A actuación forma parte da planificación que desenvolve a Concellería de Mobilidade e Obras para a renovación e mantemento da sinalización horizontal, que se está a executar progresivamente nos diferentes barrios da cidade. Os traballos xa se completaron en Augas Férreas e continúan agora en Fontiñas, dando cumprimento ao calendario previsto.
ESCOLA DE MÚSICA
O Concello de Lugo abrirá o próximo luns 24 de agosto o prazo de matrícula para o curso 2026-2027 da Escola Municipal de Música, que retoma a súa actividade docente despois de permanecer sen clases durante os dous últimos cursos académicos. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude desde o luns 24 de agosto ata o 15 de setembro.
Toda a documentación necesaria para realizar o trámite —o Decreto de Bases da Matrícula, o cartel informativo cos prazos, a nota informativa sobre as idades requiridas para cada curso e o formulario de solicitude— está dispoñible na web municipal, no apartado de Trámites e.na escola de música a partires do 1 de setembro.
A reapertura da Escola Municipal de Música é froito do acordo alcanzado entre o Goberno local e o persoal da Banda Municipal de Música, encargado tamén da actividade docente do centro. Este consenso permite recuperar unha actividade que permanecera interrompida durante os dous últimos cursos académicos e poñer novamente a disposición da cidadanía a formación musical municipal a partir deste curso.
Deste xeito, o Concello e o persoal da Banda Municipal de Música fan posible, a través do diálogo e do acordo, o regreso das clases da Escola Municipal de Música, que comezarán o próximo 13 de outubro.
