InicioLugo e contornaLugoO PSOE de Lugo esixe a Candia que aclare se aposta polo...

O PSOE de Lugo esixe a Candia que aclare se aposta polo Museo da Romanización

O Grupo Municipal Socialista non participará na homenaxe a Alexandre Bóveda e denuncia o "cinismo" do Goberno de Candia coa memoria democrática

PUBLICADA O

- Advertisement -

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, reclamou este luns diante do Cuartel de San Fernando que Elena Candia aclare se aposta realmente por facer realidade o Museo da Romanización e que explique cal é a folla de ruta do novo Goberno para un proxecto que Lugo leva demasiados anos agardando.

“Queremos respostas moi concretas. Que vai facer Candia cos cartos que deixamos previstos para San Fernando? Vai continuar co proxecto? Vai defender activamente a candidatura ao 2 % Cultural? E, sobre todo, vai esixirlle á Xunta que poña dunha vez a parte que lle corresponde?”, preguntou Fernández. O voceiro socialista advertiu de que Lugo “non pode permitirse volver atrás nin empezar outra vez de cero” despois de anos de traballo para intentar desbloquear o futuro de San Fernando.

“Candia ten que aclarar se vai aproveitar todo o traballo que atopa feito para avanzar co Museo ou se prefire volver cambiar as prioridades. Xa vimos no seu día como o PP, en lugar de avanzar co Museo da Romanización, chegou a propoñer outro destino para San Fernando cun Parador. Lugo non pode perder máis anos cambiando o rumbo dun proxecto que a cidade leva demasiado tempo reclamando”, sinalou.

Que escoite á cidade

Fernández reclamou como primeiro paso que Candia abra unha rolda de diálogo co tecido asociativo, cultural e patrimonial da cidade que leva anos defendendo a creación do Museo da Romanización. “A cidade falou moitas veces e fíxoo de novo con enorme claridade durante a celebración do 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial. Hai unha demanda social evidente para que este proxecto saia adiante. Candia debe escoitala e explicar que pretende facer”, afirmou.

O voceiro socialista incidiu en que o novo Goberno debe coñecer e ter en conta a posición das persoas e colectivos que mantiveron viva esta reivindicación durante anos. “Antes de modificar o que está previsto ou tomar decisións sobre San Fernando, o mínimo é sentarse co tecido asociativo, escoitar e explicar cal é a folla de ruta do Goberno”, sinalou.

“Que vai facer cos cartos que deixamos previstos?”

Fernández lembrou que o Concello xa realizou un importante esforzo económico para facer posible o Museo, comezando pola adquisición do Cuartel de San Fernando ao Ministerio de Defensa por arredor de 2,4 millóns de euros e asumindo posteriormente a conservación do inmoble. O anterior Goberno municipal deixou ademais preparado un proxecto cun investimento superior aos 15 millóns de euros, presentou en febreiro a candidatura ao programa estatal do 2 % Cultural para optar a financiamento de ata o 75 % da actuación e contemplou nos Orzamentos municipais de 2026 os recursos necesarios para afrontar a participación do Concello.

“Candia recibiu un proxecto preparado, un expediente presentado e recursos municipais previstos. Por iso hai unha pregunta que debe responder: que vai facer con eses cartos? Vai mantelos para San Fernando ou vai destinalos a outras prioridades?”, preguntou. Fernández advertiu de que esta aclaración resulta especialmente necesaria despois de que o novo Goberno modificase nos últimos meses o destino inicialmente previsto para outras partidas e actuacións municipais.

“Con San Fernando non queremos que suceda o mesmo. Non queremos que o cambio de Goberno signifique volver cambiar prioridades, desviar recursos ou empezar outra vez desde cero. Hai traballo feito, hai un proxecto e hai fondos previstos. O que toca é avanzar”, incidiu. Neste sentido, Fernández lembrou como antecedente a proposta formulada polo PP e pola Xunta en 2019 para destinar San Fernando a un Parador. “Aquela proposta quedou atrás, pero demostra o que Lugo non pode permitirse outra vez: perder anos discutindo novos destinos para San Fernando en lugar de facer realidade o Museo”, afirmou.

 

O Grupo Municipal Socialista non participará na homenaxe a Alexandre Bóveda e denuncia o “cinismo” de Candia

Os socialistas cualifican de “falta de respecto institucional intolerable” que o Goberno local obrigase ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, a comparecer na rúa ao non ceder o Vello Cárcere para presentar a súa declaración como Lugar de Memoria Democrática.

O Grupo Socialista reivindica a figura de Alexandre Bóveda e ás persoas represaliadas pola ditadura, pero rexeita participar nun acto que “pretende aparentar un compromiso coa memoria democrática que os feitos desmenten”. “Non se poden pechar as portas do Vello Cárcere á Memoria Democrática en xuño e abrilas en agosto para facerse unha fotografía. A memoria das vítimas merece respecto e coherencia, non actos para lavar conciencias”, subliñou o a voceira adxunta socialista, Ana González Abelleira.

O Grupo Municipal Socialista non participará no acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda que terá lugar este luns no Vello Cárcere e denuncia o “cinismo” do Goberno de Candia coa memoria democrática, despois de que hai apenas dous meses non cedese este mesmo edificio para a visita institucional do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, que se desprazou a Lugo para presentar o inicio do procedemento para declarar o antigo cárcere como Lugar de Memoria Democrática.

A voceira adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, trasladou todo o seu respecto e recoñecemento á figura de Alexandre Bóveda no 90 aniversario do seu asasinato, ao seu compromiso con Galicia e coa defensa das liberdades, así como á memoria de todas as persoas perseguidas e represaliadas pola ditadura. Precisamente por ese respecto, explicou que o Grupo Socialista non participará nun acto co que o Goberno de Candia “pretende aparentar unha sensibilidade coa memoria democrática que non se corresponde coa súa actuación cando tivo a oportunidade de demostralo con feitos”.

“Non se poden pechar as portas do Vello Cárcere á Memoria Democrática en xuño e abrilas en agosto para facerse unha fotografía. A memoria das vítimas merece respecto e coherencia, non actos para lavar conciencias”, afirmou. González Abelleira lembrou que o pasado 19 de xuño o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, desprazouse expresamente a Lugo coincidindo coa publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución pola que se iniciaba o procedemento para declarar O Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática.

Martínez chegou á cidade acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia Rodríguez, para poñer en valor un recoñecemento de enorme importancia histórica e simbólica para Lugo. Porén, o Goberno de Candia non cedeu as instalacións e a comparecencia tivo que celebrarse diante das portas do propio Vello Cárcere.

“Un secretario de Estado veu a Lugo para comunicar un recoñecemento que pon en valor a historia da nosa cidade e honra ás persoas que sufriron a represión franquista entre esas paredes, e o Goberno de Candia deixouno na rúa. Foi unha falta de respecto institucional enorme, pero sobre todo unha falta de respecto ao significado do Vello Cárcere e á memoria das persoas que sufriron nel a represión”, denunciou a voceira adxunta.

A representante socialista considera que o acontecido resulta aínda máis difícil de xustificar á vista da convocatoria deste 17 de agosto. Dous meses despois, o propio Concello escolle o interior do Vello Cárcere para lembrar o compromiso de Alexandre Bóveda “con Galicia e coa defensa das liberdades” e, no seu nome, segundo recolle literalmente a convocatoria municipal, “a todas as persoas represaliadas pola ditadura”.

A convocatoria anima tamén á cidadanía a manter viva a memoria de Alexandre Bóveda e “de todas as persoas que sufriron a represión pola defensa de ideas democráticas”. “Compartimos plenamente esas palabras. O que resulta incomprensible é que en agosto defendan desde dentro do Vello Cárcere aquilo ao que en xuño lle pecharon a porta. A memoria democrática non pode depender de quen convoque, de quen tome a palabra ou de quen apareza na fotografía”, sinalou a socialista.

Esta contradición é, segundo González Abelleira, a que explica a decisión do Grupo Municipal Socialista de non acudir ao acto. “A nosa ausencia non é unha ausencia da homenaxe a Alexandre Bóveda nin da memoria das vítimas. Todo o contrario. É precisamente por respecto a elas polo que non queremos participar dun exercicio de cinismo institucional que pretende converter a memoria democrática nunha escenografía”.

A voceira adxunta lembrou tamén que a homenaxe institucional a Alexandre Bóveda e ás persoas represaliadas non nace co actual Goberno municipal, senón que forma parte dunha conmemoración que o Concello de Lugo vén desenvolvendo desde anos atrás. “Non estamos ante unha nova sensibilidade do Goberno de Candia. Están dando continuidade a unha homenaxe que xa existía. O problema é pretender utilizar agora ese acto para proxectar unha imaxe de compromiso coa memoria democrática incompatible co que fixeron hai só dous meses”, advertiu.

+ posts

ÚLTIMAS

Unha colisión entre unha furgoneta e un camión deixa un ferido atrapado en Castro de Rei

O condutor dunha furgoneta resultou ferido este venres nun accidente de tráfico rexistrado na...

Candia recibe o Cónsul Xeral de Portugal en Galicia para abordar novas vías de colaboración con Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Turismo e Museos, recibiu...

O antigo colexio do Sagrado Corazón xa é dos lucenses trala sinatura hoxe da acta de expropiación

O antigo colexio do Sagrado Corazón volve ser desde hoxe dos lucenses. Desde as...

Lugo formaliza a ocupación dos terreos para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón

O proxecto para construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo,...