InicioLugo e contornaLugoO Concello de Lugo inicia o diálogo coas traballadoras do SAF de...

O Concello de Lugo inicia o diálogo coas traballadoras do SAF de cara á mellora do servizo

Elena Candia destaca a importancia de escoitar ás profesionais e anuncia tamén medidas de información ás familias sobre o labor que realizan

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Goberno de Lugo mantivo unha primeira reunión co comité de empresa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para coñecer de primeira man as principais preocupacións das traballadoras e abordar posibles vías de mellora do servizo.

Como resultado deste primeiro encontro, poñerase en marcha unha mesa de traballo na que representantes das traballadoras e Concello poderán analizar e poñer en común propostas destinadas a mellorar as condicións nas que desenvolven o seu labor e a calidade do servizo.

Entre as cuestións trasladadas polo comité figuran os tempos de desprazamento entre domicilios, as dificultades de estacionamento das profesionais que utilizan o seu vehículo particular e a necesidade de clarificar as funcións que corresponden ás auxiliares do SAF.

Neste último ámbito, o Goberno local considera fundamental realizar tamén un labor de pedagoxía coas persoas usuarias e as súas familias, para que coñezan con claridade en que consiste o Servizo de Axuda no Fogar e cales son as tarefas que realizan as profesionais, favorecendo así unha mellor comprensión do servizo e evitando posibles situacións de fricción.

A alcaldesa, Elena Candia, subliñou que esta reunión constitúe “unha primeira toma de contacto para escoitar ás traballadoras e coñecer directamente as súas preocupacións”. “Son persoas que prestan un servizo público esencial para Lugo e queremos que se sintan escoitadas e arroupadas pola Administración”, afirmou.

Candia lembrou tamén que o Goberno local puxo en marcha un plan de choque para reducir a lista de espera do Servizo de Axuda no Fogar, co obxectivo de garantir o acceso á prestación das persoas que a necesitan e que xa reduciu dita lista en 50 personas no prazo de tres semanas.

Pola súa banda, o responsable da área, Gustavo Díaz, destacou que “se queremos construír unha cidade que coida das súas persoas dependentes, temos que empezar por coidar ás persoas que as coidan”.

O Concello continuará, a través desta mesa de traballo, escoitando as propostas das profesionais e estudando aquelas medidas que poidan contribuír a facer máis atractivo o seu labor e a seguir mellorando un servizo público esencial para a cidade.

+ posts

ÚLTIMAS

Unha colisión entre unha furgoneta e un camión deixa un ferido atrapado en Castro de Rei

O condutor dunha furgoneta resultou ferido este venres nun accidente de tráfico rexistrado na...

Candia recibe o Cónsul Xeral de Portugal en Galicia para abordar novas vías de colaboración con Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Turismo e Museos, recibiu...

O antigo colexio do Sagrado Corazón xa é dos lucenses trala sinatura hoxe da acta de expropiación

O antigo colexio do Sagrado Corazón volve ser desde hoxe dos lucenses. Desde as...

Lugo formaliza a ocupación dos terreos para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón

O proxecto para construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo,...