InicioLugo e contornaLugoO PSOE local de Lugo denuncia "a inacción" do goberno local fronte...

O PSOE local de Lugo denuncia “a inacción” do goberno local fronte a prealerta por seca

O concelleiro socialista Jorge Bustos lembrou que o Goberno de Elena Candia recibiu o pasado 7 de xullo unha comunicación oficial da Confederación Hidrográfica na que se advertía da diminución das precipitacións e se instaba aos concellos a poñer en marcha medidas preventivas, campañas de concienciación e actuacións orientadas a garantir o abastecemento

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Grupo Municipal Socialista puxo hoxe o foco na falta de reacción do Goberno de Elena Candia ante os avisos da Confederación Hidrográfica sobre o risco de seca, despois de deixar pasar case un mes sen impulsar medidas de aforro nin campañas de concienciación. Coa demarcación xa en situación de prealerta, o Concello continúa sen actuacións para promover un uso responsable da auga.

O concelleiro socialista Jorge Bustos lembrou que o Goberno de Elena Candia recibiu o pasado 7 de xullo unha comunicación oficial da Confederación Hidrográfica na que se advertía da diminución das precipitacións e se instaba aos concellos a poñer en marcha medidas preventivas, campañas de concienciación e actuacións orientadas a garantir o abastecemento. “Ese aviso non chegou onte. O Goberno de Elena Candia foi advertido oficialmente da necesidade de actuar e, malia iso, decidiu non facer absolutamente nada”, afirmou.

Bustos sinalou que, desde aquela, distintos concellos galegos xa comezaron a adoptar medidas para anticiparse á situación. “Vigo activou a prealerta, prohibiu os baldeos con auga potable, reduciu as regas e puxo en marcha restricións para os usos non prioritarios. Baiona tamén anunciou medidas de aforro e Ferrol limitou o uso da auga na limpeza viaria, nas fontes públicas e no rego de zonas verdes, acompañando esas decisións cun chamamento público ao consumo responsable. Cada concello coñece a realidade do seu sistema de abastecemento e debe decidir as actuacións máis axeitadas, pero o que resulta incomprensible é que en Lugo o Goberno de Elena Candia non fixese absolutamente nada durante todo este tempo”.

 O edil socialista criticou que, mentres outros concellos reaccionaban e a propia Confederación impulsaba campañas de concienciación cidadá, o Executivo “non puxo en marcha ningunha campaña pública, non trasladou recomendacións á veciñanza nin anunciou medidas para reducir os consumos non prioritarios”. Ao seu xuízo, “é incomprensible que a administración responsable do abastecemento permanecese sen actuar precisamente cando o organismo competente levaba semanas advertindo da situación”.

 Bustos lembrou que os gobernos progresistas actuaban sempre desde a prevención ante episodios deste tipo, impulsando campañas de sensibilización, recomendacións públicas de aforro e medidas orientadas a reducir os consumos non prioritarios antes de que a situación se agravase. “Sempre entendemos que a mellor maneira de afrontar un episodio de seca é anticiparse. Por iso activabamos campañas de concienciación, trasladabamos recomendacións á cidadanía e adoptabamos medidas de aforro antes de que a situación se agravase. Iso é exactamente o contrario do que fixo o Goberno de Elena Candia durante este último mes”, sinalou.

 O concelleiro socialista advertiu de que a prealerta “non debe xerar alarmismo, pero si responsabilidade institucional”. “A Confederación cumpriu coa súa obriga advertindo con tempo e reclamando medidas preventivas. O que falla en Lugo é a resposta do Goberno de Elena Candia. Foi advertido oficialmente, tiña tempo para actuar e decidiu non facelo. Mentres tanto, seguían realizándose baldeos de rúas e o Concello non impulsaba unha soa campaña pública de aforro ou concienciación”, afirmou.

Finalmente, Jorge Bustos reclamou ao Goberno municipal que deixe atrás a pasividade e poña en marcha de maneira inmediata as medidas de aforro e concienciación recomendadas pola Confederación Hidrográfica. “A cidadanía responderá se recibe información clara e ve que o Concello tamén actúa con responsabilidade. O que non pode facer un goberno é esperar a que chegue a prealerta para reaccionar ante un problema do que levaba case un mes advertido. A responsabilidade tamén consiste en prever, actuar e dar exemplo. E nisto, o Goberno de Elena Candia chegou tarde”, concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo aproba as bases para tramitar as subvencións do exercicio 2025 e do primeiro semestre de 2026

A Xunta de Goberno local de Lugo aprobou, fóra da orde do día, as...

O goberno local de Lugo aproba as bases para tramitar subvencións para o exercicio 2025 e primeiro semestre 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou fóra da orde do día as bases...

O BNG de Lugo solicita un pleno extraordinario para “desbloquear máis de 2,7 millóns en facturas bloqueadas con Candia”

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a súa...

O Lugo Music Festival ’26 reúne na cidade música e talento de diferentes estilos e países

Lugo prepárase para vivir, do 18 ao 22 de agosto, unha nova edición do...