InicioLugo e contornaLugoReaccións Axencia Saúde Pública: O Concello de Lugo acusa o Goberno de...

Reaccións Axencia Saúde Pública: O Concello de Lugo acusa o Goberno de converter a elección nun “proceso político”

portavoz socialista e exalcalde da cidade, Miguel Fernández, adoptou un ton máis conciliador e sinalou que a decisión "debe respectarse", aínda que recoñeceu que se recibe "con pesar" porque Lugo presentaba "unha candidatura sólida, solvente e con argumentos de peso"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo cargou este martes contra o Goberno de España tras coñecerse a designación de Zaragoza como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública. Nun duro comunicado institucional, o Executivo local lamenta que a candidatura lucense fose descartada e sostén que a elección responde a “un proceso político”, á vez que cualifica a decisión como “un novo desprezo a Lugo”.

O Consistorio asegura que a resolución “confirma que o proceso de selección estivo marcado por criterios políticos, afastándose do principio de obxectividade que debía presidir unha decisión desta relevancia para o conxunto do Estado”. Nese sentido, defende que Lugo concorría cunha candidatura “con méritos obxectivos, capacidade técnica e un amplo respaldo institucional”.

O Concello lembra que a proposta da cidade apoiábase no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e a Facultade de Veterinaria, ademais de responder, ao seu xuízo, aos criterios de cohesión territorial e equilibrio institucional que o propio Goberno defendera para a repartición de organismos estatais.

O comunicado vai un paso máis aló e sostén que a decisión “evidencia a incapacidade do PSOE lucense para facer valer os intereses da cidade ante o Goberno de Pedro Sánchez”. Así mesmo, subliña que Lugo “non pedía un trato de favor”, senón que “se valorasen con rigor os méritos dunha candidatura construída desde o consenso institucional e sustentada en fortalezas obxectivas”.

 

REACCIÓN DO PSOE LOCAL

Xunto ao comunicado institucional, o portavoz socialista e exalcalde da cidade, Miguel Fernández, adoptou un ton máis conciliador e sinalou que a decisión “debe respectarse”, aínda que recoñeceu que se recibe “con pesar” porque Lugo presentaba “unha candidatura sólida, solvente e con argumentos de peso”.

Fernández destacou que a cidade dispuña de espazos adecuados e contaba cunha realidade universitaria, sanitaria e científica que encaixaba plenamente cos obxectivos da futura axencia. Ademais, puxo en valor que o proxecto lucense integraba o enfoque One Health, combinando a saúde humana, animal e ambiental.

O dirixente considerou tamén que o feito de que Lugo alcanzase a fase final do proceso demostra que a cidade ten capacidade para competir por proxectos estratéxicos de ámbito estatal, aínda que reclamou que se fagan públicos os criterios que levaron a elixir finalmente Zaragoza. “É razoable que as administracións expliquen os elementos que finalmente decantaron a elección”, afirmou.

Pese ao resultado, Miguel Fernández defendeu que Lugo debe aproveitar o traballo realizado para seguir optando a novos proxectos científicos e sanitarios de ámbito estatal. “Esta candidatura demostrou que podemos competir. Agora temos que manter esa ambición e seguir chamando ás portas das administracións para que Lugo estea presente alí onde se decide o futuro do país”, concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

O PSdeG de Lugo asegura que “os informes independentes desmontan o relato de descontrol” que levou a Candia á alcaldía

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, puxo en valor os resultados...

A Deputación abre a vía para desbloquear a Casona do Incio

  A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, avanzou este martes que a institución...

O Concello de Lugo inicia o diálogo coas traballadoras do SAF de cara á mellora do servizo

O Goberno de Lugo mantivo unha primeira reunión co comité de empresa do Servizo...

A Deputación colabora co Agrocuir de 2026 para un rural diverso, libre e inclusivo

  A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou...