A Xunta de Goberno Local de Lugo deu luz verde ao novo Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2028, un documento que fixa as liñas de axudas municipais para o próximos tres anos e que contará cunha dotación inicial de preto de 3,7 millóns de euros no exercicio 2026. O plan, que substitúe ao anterior tras quedar sen vixencia a finais de 2025, servirá de marco para apoiar a entidades e proxectos nos ámbitos social, cultural, deportivo e económico.
O documento establece os obxectivos das diferentes convocatorias e convenios municipais, así como os colectivos aos que van dirixidos. Para o próximo ano prevese destinar 3.698.243,25 euros a actuacións relacionadas cos servizos sociais, a cultura, o deporte, a participación cidadá, o comercio, o emprego, a igualdade, o medio ambiente e a dinamización económica, sempre en función da dispoñibilidade orzamentaria e das futuras convocatorias.
Na mesma sesión, o Executivo municipal acordou iniciar a licitación das obras de renovación do pavimento da Rúa Nova, cun investimento de 98.813,17 euros e un prazo de execución de dous meses. Trátase dunha actuación piloto coa que o Concello pretende comprobar a eficacia da solución técnica deseñada para substituír o pavimento instalado durante a recente peonalización do centro histórico, que presenta deterioración en distintos puntos.
Segundo explicou a alcaldesa, Elena Candia, esta intervención permitirá avaliar un novo sistema construtivo baseado na combinación de granito e lastro, co obxectivo de implantar progresivamente un modelo máis resistente no resto das rúas peonalizadas que presentan problemas similares.
A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace ao comezo da contratación das obras para renovar o pavimento de Campo Castelo, no tramo comprendido entre as galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa Consistorial. A actuación contará cun orzamento de 88.084,99 euros e busca mellorar a seguridade e a accesibilidade nesta zona do centro histórico.
No apartado deportivo, aprobouse a adxudicación das obras de reforma integral da pista de atletismo Gregorio Pérez Rivera, cun investimento de 483.330,43 euros, que permitirá modernizar completamente esta instalación municipal.
Por outra banda, o Goberno local nomeou como funcionarias de carreira a dúas técnicas medias de xestión que superaron o proceso de promoción interna para acceder a prazas do subgrupo A2. Ademais, aprobou a designación dos tribunais calificadores para dous procesos selectivos da Oferta de Emprego Público de 2023 destinados á cobertura dunha praza de técnico e outra de técnico medio de xestión.
Entre os acordos adoptados figura tamén a adhesión do Concello de Lugo á Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia para fomentar o cooperativismo e a economía social mediante accións de formación, asesoramento e apoio ao emprendimiento colectivo.
Por último, a Xunta de Goberno delegou no concelleiro de Cultura a tramitación e resolución dos concursos para o deseño dos carteis anunciadores do San Froilán 2026 e do San Froilán Miúdo, co fin de facilitar a organización das próximas festas patronais.
