InicioMedioambiente e PatrimonioCarmela López: “Para a Deputación de Lugo, a Ribeira Sacra é Patrimonio...

Carmela López: “Para a Deputación de Lugo, a Ribeira Sacra é Patrimonio Mundial e seguiremos traballando por recoñecemento”

A Presidenta da Deputación reivindica a Ribeira Sacra como un territorio de valor universal e excepcional e expresa o respecto da institución provincial pola decisión adoptada pola Unesco.

PUBLICADA O

- Advertisement -

 

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, expresou hoxe o seu respecto pola decisión adoptada polo Comité do Patrimonio Mundial da Unesco de solicitar ao Estado español a revisión e reforzo do expediente da candidatura da Ribeira Sacra antes de volver sometela á súa consideración. Ao mesmo tempo, reafirmou con contundencia a posición da institución provincial: “a Ribeira Sacra reúne todos os valores que a fan merecedora de formar parte da Lista do Patrimonio Mundial e será o ano que vén cando o sexa oficialmente”.

Para ela, a decisión do Comité non altera a esencia da candidatura nin diminúe o valor excepcional deste territorio, senón que marca unha nova etapa dun proceso que a Deputación seguirá apoiando con determinación, responsabilidade e lealdade institucional. “Para a Deputación de Lugo non hai ningunha dúbida. A Ribeira Sacra xa é Patrimonio Mundial polos seus valores. Falamos dunha das paisaxes culturais máis extraordinarias de Europa e dun territorio único no mundo, onde a natureza e o ser humano construíron ao longo de máis de mil anos un legado excepcional que merece o máximo recoñecemento internacional”, afirmou Carmela López.

Nese sentido, destacou que a riqueza da Ribeira Sacra vai moito máis alá da espectacularidade da súa paisaxe. “Temos un territorio único e exclusivo tanto pola súa historia, como polo seu patrimonio e cultura. Os canóns do Miño e do Sil, a viticultura heroica, os mosteiros, as igrexas, os camiños, as aldeas e o inmenso patrimonio etnográfico conforman unha paisaxe cultural viva, modelada ao longo dos séculos polo esforzo de xeracións de veciñas e veciños. Ese legado ten un valor universal que merece ser recoñecido”.

Carmela López puxo tamén en valor o apoio expresado por numerosos países durante o debate celebrado no Comité do Patrimonio Mundial, un feito que, ao seu xuízo, evidencia que a candidatura da Ribeira Sacra conta cun amplo recoñecemento internacional. “Respectamos a decisión adoptada pola Unesco e o procedemento establecido, pero tamén temos a responsabilidade de defender aquilo no que cremos. E nós cremos na Ribeira Sacra, no seu valor excepcional e na fortaleza dunha candidatura que representa un dos maiores patrimonios culturais e paisaxísticos do mundo”.

A Deputación, unha institución aliada

A Presidenta asegurou que a Deputación de Lugo continuará exercendo un papel activo para contribuír a que a candidatura avance. “Vamos seguir sumando. Imos continuar colaborando con todas as administracións e institucións implicadas, achegando todo o que estea ao noso alcance para fortalecer esta candidatura. Farémolo, como sempre, desde a lealdade institucional, desde o diálogo e desde a cooperación. O único importante é defender un territorio excepcional e conseguir que reciba o recoñecemento internacional que merece”.

“Este non é o final do camiño. É un paso máis nun proxecto de longo percorrido que require unidade, perseveranza e traballo conxunto. A Deputación estará, como estivo sempre e liderou nun primeiro momento, apoiando esta candidatura con absoluta convicción e contribuíndo a que o expediente responda da mellor maneira posible ás consideracións formuladas polo Comité”.

LÓPEZ CAMPOS: “A RESOLUCIÓN É UN ESCENARIO FAVORABLE”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, trasladou este luns aos alcaldes dos 26 municipios de Lugo e Ourense integrados na Ribeira Sacra a decisión adoptada polo Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, que concede un ano adicional para introducir melloras técnicas e completar a candidatura antes da súa nova avaliación.

Durante unha reunión telemática cos rexedores e representantes de entidades do territorio, López Campos cualificou a resolución da Unesco como un “escenario favorable”, ao considerar que mantén viva a candidatura e permite seguir traballando para lograr que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial en 2027.

O conselleiro interpreta favorablemente a decisión do Comité de Patrimonio Mundial reunido esta semana en Busán (Corea do Sur), que despois de varias horas de debate e de intensas negociacións entre os países membros, optou por devolver o expediente a España para que poida introducir melloras e completar a documentación antes de volver presentalo, evitando así que o proceso teña que comezar desde cero.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo aproba as bases para tramitar as subvencións do exercicio 2025 e do primeiro semestre de 2026

A Xunta de Goberno local de Lugo aprobou, fóra da orde do día, as...

O goberno local de Lugo aproba as bases para tramitar subvencións para o exercicio 2025 e primeiro semestre 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou fóra da orde do día as bases...

O BNG de Lugo solicita un pleno extraordinario para “desbloquear máis de 2,7 millóns en facturas bloqueadas con Candia”

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a súa...

O Lugo Music Festival ’26 reúne na cidade música e talento de diferentes estilos e países

Lugo prepárase para vivir, do 18 ao 22 de agosto, unha nova edición do...