O goberno local de Lugo acusa ao PSOE de recorrrer “unha vez máis á mentira e á manipulación para intentar desacreditar un expediente que se está a tramitar con absoluto respecto á legalidade e con todas as garantías xurídicas e aos técnicos municipais que se encargan do mesmo”. Todo isto en referencia aos trámites para a ordenanza do Auditorio Fuxan Os Ventos.
Dita ordenanza reguladora do uso do Auditorio Fuxan os Ventos “carece do estudo de custos” segundo o PSOE. “Ese documento existe, forma parte do expediente e foi elaborado polos servizos municipais competentes” apuntan desde o consistorio. “Polo tanto, a señora Ana González Abelleira falta á verdade cando sostén o contrario e tenta crear unha polémica onde non existe”.
Por outra parte, o goberno municipal sinala que “durante dous anos, os socialistas permitiron, sen dicir unha soa palabra, que os seus socios do BNG utilizasen o Auditorio Fuxan os Ventos como se fose un “cortijo””. Sinalando que non había unha normativa que garantise a igualdade de oportunidades para todas as entidades e colectivos. “Nunca lles preocupou a ausencia dunha ordenanza nin reclamaron regras claras. Agora, precisamente cando este Goberno está a poñer orde, transparencia e seguridade xurídica, descobren unha suposta preocupación polo procedemento”.
Nunha nota de prensa, acusan ao PSOE de ser “refén do BNG. Prefire intentar frear unha regulación que beneficia á cidadanía antes que renunciar ao modelo de favoritismos e arbitrariedade que caracterizou o anterior goberno”.
Ante isto, “o Goberno de Elena Candia está a facer exactamente o contrario: regular por primeira vez o uso deste equipamento mediante unha ordenanza tramitada conforme á legalidade, con todos os informes necesarios e co único obxectivo de garantir transparencia, igualdade e seguridade xurídica”.
O Goberno de Lugo pide ao PSOE “que abandone a estratexia da mentira e da confrontación permanente”. Os lucenses “merecen unha oposición responsable, non un partido instalado na contradición permanente e disposto a bloquear calquera avance con tal de preservar os privilexios dos que gozaron os seus socios de goberno”.
CANDIA NON FORMA PARTE DA COMISIÓN INFORMATIVA, DENUNCIAN DESDE O PSOE
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou este xoves que o Goberno de Elena Candia pretende levar ao vindeiro Pleno municipal a aprobación da ordenanza reguladora do uso do Auditorio Fuxan os Ventos sen contar cos informes técnicos preceptivos que deben formar parte obrigatoriamente do expediente administrativo.
A edil socialista explicou que esta situación quedou en evidencia durante a comisión informativa celebrada esta mesma mañá, onde, “de maneira sorprendente”, foi a propia Candia, que nin sequera forma parte da comisión, quen compareceu para intentar xustificar a tramitación realizada polo Executivo ante esta mala praxis.
“Foi a propia Candia quen acabou recoñecendo que o expediente non incorpora toda a documentación necesaria. Estamos ante unha forma de gobernar baseada na improvisación e na présa por anunciar actuacións sen garantir previamente a súa cobertura xurídica”, sinalou.
González Abelleira advertiu de que unha das principais carencias do expediente é a ausencia do estudo económico que determine o custo real derivado do funcionamento do auditorio máis aló do horario ordinario de traballo.
