A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto co concelleiro de urbanismo, Ramón Cabarcos, e outros edis do equipo de goberno mantiveron unha reunión coa veciñanza do Castiñeiro no Centro Social da Praza do Castiñeiro para informar da situación de dúas actuacións urbanísticas prioritarias para o barrio: a eliminación do tapón urbanístico de Dona Urraca e a prolongación da rúa Evaristo Correa Calderón.
En relación coa primeira actuación, a rexedora explicou que o Concello avanza na tramitación para a demolición da vivenda situada no cruce de Dona Urraca coas rúas Mazaira e López Guntín, un inmoble deshabitado que estreita a calzada e dificulta a circulación de vehículos e peóns.
O contrato recolle, ademais, que a demolición deberá iniciarse de maneira inmediata unha vez formalizada a adxudicación, co obxectivo de resolver canto antes un problema histórico para o barrio. A actuación require tamén un tratamento específico pola presenza de fibrocemento na cuberta da edificación. Respecto á prolongación da rúa Evaristo Correa Calderón, Elena Candia explicou que se traballa para facer posible a apertura do novo vial.
A actuación afecta á zona comprendida entre as rúas Evaristo Correa Calderón, Amizade e Escultor Asorey, onde a apertura desta conexión permitirá mellorar a mobilidade, humanizar o espazo e recuperar unha contorna que leva anos sen desenvolver urbanisticamente. Hai 15 parcelas afectadas por esta intervención.
A alcaldesa lembrou que esta é unha demanda histórica da veciñanza e que no ano 2022 un grupo de residentes promoveu unha recollida de sinaturas para reclamar avances nun proxecto que levaba anos paralizado. Neste sentido, Candia asegurou que o actual Goberno local quere manter un contacto directo coa veciñanza para informar da evolución dos proxectos e avanzar na resolución de reivindicacións históricas que durante demasiado tempo quedaron sen resposta.
“O que hoxe é un espazo degradado, con solares abandonados, pode converterse nunha zona integrada no barrio, con novas conexións, beirarrúas, iluminación e servizos. Ese é o obxectivo co que estamos a traballar”.
No encontro tamén se avanzou que o Concello solicitará a cesión do parque infantil das Casas Sindicais para incorporalo ao patrimonio municipal e asumir directamente o seu mantemento. Esta medida permitirá mellorar o estado actual destas instalacións e garantir unha conservación adecuada deste espazo, moi utilizado polas familias do barrio.
