- Advertisement -
O Concello de Lugo abre o prazo para participar en “Ocio en Familias”, unha das propostas incluídas no programa Lugo +XTi 2026, dirixida a familias con nenas, nenos ou adolescentes co obxectivo de fomentar a convivencia, o lecer compartido e a adquisición de hábitos saudables.
A actividade desenvolverase do 16 de xullo ao 5 de agosto no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra (2º andar, sala C), de luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados, de 11.00 a 14.00 horas.
A programación combinará propostas lúdicas, creativas e deportivas pensadas para realizar en familia con tres sesións de ponencias abertas ao público nas que especialistas abordarán cuestións de interese para pais, nais e titores:
16 de xullo: Prevención de adiccións, a cargo de Brais Romanos.
23 de xullo: Xestión de conflitos e comunicación materno/paterno-filial, impartida por Amalia de Otto.
30 de xullo: A importancia da actividade física na infancia e adolescencia, con Sinda Fernández.
A participación na actividade é gratuíta. As inscricións realizaranse no propio inicio da actividade, mentres que a asistencia ás sesións formativas será de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
As persoas interesadas poden obter máis información na web lugomasxti.org ou no teléfono 982 297 498.
Esta iniciativa forma parte do programa Lugo +XTi 2026, financiado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, co que o Concello promove alternativas de lecer saudable e accións de prevención dirixidas á mocidade e ás familias
Vinte concertos gratuítos
O Concello de Lugo celebrará unha nova edición do ciclo musical Muralleando, que este ano levará a súa programación á Praza Maior, e á Praza de Santa María. Os concertos desenvolveranse todos os venres e sábados ata a primeira fin de semana de setembro.
A programación busca achegar a cultura á cidadanía, dinamizar o centro histórico durante os meses de verán e ofrecer unha oferta musical variada, gratuíta e pensada para todos os públicos.
Para configurar esta edición, o Servizo de Cultura abriu unha convocatoria pública á que concorreron 53 propostas de grupos e artistas, unha elevada participación que evidencia o dinamismo da escena musical lucense e o interese que esperta este programa.
A selección realizouse atendendo a criterios de interese cultural, diversidade artística, representatividade da música local e adecuación ao formato do ciclo, procurando unha programación equilibrada que dea cabida a propostas moi diferentes. Así, ao longo do verán pasarán polo templete da Praza Maior formacións de música tradicional, folk, músicas atlánticas, clásica, blues, jazz, pop, rock, indie, metal, música urbana, rap, DJs e outras propostas de fusión, combinando grupos consolidados con formacións emerxentes.
As actuacións celebraranse todos os venres e sábados ás 20.30 horas, cunha duración mínima dunha hora e acceso totalmente gratuíto
