A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu este sábado na Praza Maior a recepción oficial ás tropas e tribos visitantes que participan nesta edición XV edición do Arde Lucus, un acto que reuniu a representantes de vinte agrupacións chegadas de distintos puntos da Península e de Europa para compartir coa cidade unha celebración que xa é referente internacional da recreación histórica.
Durante a súa intervención, a rexedora deu a benvida aos participantes e agradeceu o seu compromiso cun evento que contribúe a proxectar a imaxe de Lugo máis aló das súas fronteiras.
“Como alcaldesa da cidade, douvos a benvida e anímovos a ser embaixadores deses principios que nos identifican. Quero trasladarvos tamén o meu máis sincero e profundo agradecemento por formar parte desta celebración”, sinalou.
Candia fixo extensivo este recoñecemento ás asociacións de recreación histórica, aos lucenses e lucenses que participan activamente na festa, ao persoal municipal e aos membros do equipo de goberno e a corporación.
A alcaldesa destacou que esta celebración representa unha oportunidade para mostrar ao mundo a identidade da cidade e o Patrimonio Inmaterial que temos co Arede Lucus. “Hoxe é un día de ledicia, un día no que nos diriximos ao mundo e reivindicamos o que somos: unha cidade orgullosa da súa historia romana, pero tamén unha cidade acolledora que quere compartir con todos o mellor que ten”, afirmou.
No transcurso do acto entregáronse tamén os recoñecementos Civitas Honoris desta edición. Iván Rouco, dos Pretorianos, fixo entrega da distinción á alcaldesa de Lugo; Miguel Carricoba, coñecido como o Druída, entregou o seu recoñecemento o concelleiro de xuventude Damián Carballo; tamén realizouse unha emotiva homenaxe a título póstumo a Manuel López Guitar, membro de Pax Romana, recollendo a distinción a súa viúva. Pola súa banda, o César fixo entrega dun recoñecemento especial a Manuel Buján que encarna a personaxe de Paulo Favio.
A recepción concluíu cun recoñecemento aos representantes das vinte tropas e tribos visitantes presentes nesta edición, agradecendo a súa contribución a unha festa declarada de Interese Turístico Internacional.
