InicioPolíticaDenuncian "uso partidista" da brigada do rural por parte do goberno local...

Denuncian “uso partidista” da brigada do rural por parte do goberno local de Lugo

A edil socialista, Ana González Abelleira, acusa ao Executivo local de alterar a planificación técnica das actuacións para atender "intereses políticos e non as necesidades reais das parroquias"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A concelleira socialista Ana González Abelleira denunciou hoxe que o Goberno de Candia está facendo “un uso claramente partidista” dos recursos da brigada municipal do rural, desviando actuacións previstas nas parroquias para atender “decisións tomadas unicamente por interese político”.

A edil explicou que o anterior Goberno municipal traballaba cun cronograma claro e organizado, elaborado en función das necesidades veciñais, da urxencia das intervencións e da prioridade á hora de ampliar os servizos públicos nas 54 parroquias do municipio “dunha forma racional, equilibrada e transparente”.

“Agora estamos vendo como esa planificación desaparece e os traballos pasan a depender da vontade política dos responsables do PP, sen criterios técnicos nin orde de prioridades”, advertiu González Abelleira.

Como exemplo desta situación, a concelleira afeou a cancelación esta mesma semana do asfaltado dun camiño na parroquia de Calde para destinar eses mesmos recursos ao acondicionamento do aparcadoiro do colexio de Nadela. “Saltaron calquera criterio de prioridade. O máis sensato sería buscar colaboración da Xunta para acometer esa actuación concreta e non usurpar os recursos destinados aos veciños e veciñas doutras parroquias para satisfacer unha necesidade puntual dun centro dependente da administración autonómica”, afirmou.

A edil socialista alertou tamén do risco de que as decisións continúen adoptándose exclusivamente con criterios políticos, sen ter en conta as necesidades técnicas reais do territorio. “É cuestión de tempo que vexamos como determinadas parroquias acumulan proxectos e actuacións mentres outras, con necesidades moito maiores, quedan completamente relegadas”, sinalou.

Neste sentido, González Abelleira reivindicou o modelo de xestión desenvolvido polo anterior executivo, baseado na cohesión territorial e na igualdade de oportunidades para o conxunto do rural lucense. “A política para o rural non consiste só en facer asfaltados ou colocar puntos de luz segundo conveña politicamente. Trátase de planificar, priorizar e poñer as necesidades das persoas no centro das decisións públicas”, destacou.

A socialista insistiu en que a mellora das infraestruturas debe responder a unha visión global de equilibrio territorial, garantindo que os investimentos cheguen de maneira ordenada ás 54 parroquias e evitando que os recursos municipais “se convertan nun instrumento ao servizo dos intereses partidistas do Goberno local”.

“Cohesionar territorialmente o rural significa asegurar servizos, mobilidade, seguridade e calidade de vida para toda a veciñanza, independentemente da parroquia na que viva. E iso só pode facerse desde a planificación seria e desde o respecto aos criterios técnicos, non desde a improvisación e o reparto discrecional”, concluíu.

 

+ posts

ÚLTIMAS

Celtica Pipes Rock! e Grimorium súmanse á música do Arde Lucus xunto a Abraham Cupeiro

Celtica Pipes Rock! e Grimorium incorporáronse á programación musical do Arde Lucus xunto a...

Miguel Fernández lembra que o parque canino foi “arrincado” á Xunta polo anterior goberno local de Lugo

  O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, denunciou hoxe...

Convocadas 17 prazas de bombeiro pola vía de urxencia no Concello de Lugo

A Xunta de Goberno Local extraordinaria e urxente celebrada este venres no Concello de...

Combater a desinformación: Deputación e CPXG impulsan 20 obradoiros en concellos da provincia

  A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en...