A área de Xuventude do Concello de Lugo organiza o VII Ciclo de Adiccións sen Substancias, unha iniciativa orientada á prevención, sensibilización e formación arredor das condutas aditivas vinculadas ás redes sociais, videoxogos e xogos de azar.
O ciclo desenvolverase durante catro xornadas na Casa do Saber da USC, ás 18.00 horas, e contará coa participación de profesionais especializados no ámbito da psicoloxía, a prevención e a intervención social. A programación comezará o xoves 21 de maio coa conferencia “Escravos do invisible: pensamento crítico para cortar as cadeas das adiccións comportamentais”, impartida por Iván Pico Martínez, graduado en Psicoloxía e especialista en prevención de adiccións no ámbito educativo.
O 28 de maio será a quenda de “Riscos dos adolescentes nas redes sociais: prevención de condutas aditivas”, a cargo de Margarita Carmen Martín Martín, profesora de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na Universidade Complutense de Madrid. A terceira sesión celebrarase o 4 de xuño baixo o título “Xogo de azar e trastorno polo xogo: detección, prevención e resposta desde o social e sanitario”, impartida por Gerardo Rodríguez Velo, presidente da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados (FEJAR) e coterapeuta en Agalure.
O ciclo pecharase o 11 de xuño coa charla “Deseñados con trampas: como o deseño dos videoxogos afecta á saúde mental”, ofrecida por Juan Francisco Navas Pérez, profesor de personalidade, avaliación e psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid e coautor do libro Trampas.
FACHADA DE COR VERDE
O Concello de Lugo iluminará de cor verde a fachada da Casa Consistorial desde esta noite e ata o vindeiro 22 de maio con motivo da campaña internacional de concienciación sobre a neurofibromatose. Con este xesto, o Executivo municipal súmase á iniciativa impulsada pola Asociación de Afectados de Neurofibromatose (AANF) para dar visibilidade a esta enfermidade xenética rara que afecta ao sistema nervioso e que padecen miles de persoas en España.
A alcaldesa de Lugo tamén mantivo unha reunión de traballo co xefe de Medio Ambiente para desbloquear a situación do proxecto de saneamento e abastecemento de Esperante e coordinar as xestións que se están realizando con Augas de Galicia.Na reunión celebrada esta mañá a alcaldesa encargou avanzar na supervisión técnica do proxecto co obxectivo de corrixir as deficiencias sinaladas pola Xunta de Galicia nun requirimento realizado no ano 2023 e continuar así coa tramitación necesaria para executar esta infraestrutura.
Tamén se celebrou este martes a mesa de seguridade, na que participaron o xefe da Policía Local e a xefa de Mobilidade, ambos defenderon a legalidade na tramitación dos permisos das distintas festas e actividades que se desenvolven na cidade, reiterando que os procedementos seguen os criterios técnicos e administrativos establecidos. Neste encontro tamén se avanzou na coordinación dos actos con motivo da celebración da patroa da Policía Local, María Auxiliadora, que terán lugar o vindeiro xoves de maio.
