InicioPolíticaMencIA, estratexia de intelixencia artificial da Deputación para apoiar pequenos municipios

MencIA, estratexia de intelixencia artificial da Deputación para apoiar pequenos municipios

A presidenta da Deputación, Carmela López, deu a coñecer a folla de ruta no Pazo de San Marcos acompañada polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polos responsables dos servizos de Comunicación e TIC's e Innovación e Participación Cidadá, Nicolás Fariña Verea e José Antonio Arias Lombardero

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo presentou MencIA, unha estratexia propia de intelixencia artificial para afrontar o proceso de transformación tecnolóxica desde unha perspectiva pública, con control institucional dos datos, supervisión humana e especial atención ás necesidades dos municipios máis pequenos da provincia.

A presidenta da Deputación, Carmela López, deu a coñecer a folla de ruta no Pazo de San Marcos acompañada polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polos responsables dos servizos de Comunicación e TIC’s e Innovación e Participación Cidadá, Nicolás Fariña Verea e José Antonio Arias Lombardero. Ao acto asistiron tamén traballadores da institución provincial, alcaldes e alcaldesas de distintos municipios e outros representantes políticos, que encheron o salón.

Un dos aspectos centrais do proxecto será o desenvolvemento dun modelo baseado en software de código aberto e baixo control institucional, evitando que os datos sensibles abandonen os servidores da propia Deputación de Lugo.

Carmela López insistiu en que a supervisión humana seguirá sendo “fundamental” e reivindicou o uso do galego como un elemento “irrenunciable” dentro da estratexia tecnolóxica. “A nosa lingua ten que estar tamén nos espazos onde se vai a construír o futuro”, afirmou.

O CATRO ALICERCES DO PROXECTO

Os responsables técnicos explicaron que MencIA susténtase sobre o concepto de “soberanía tecnolóxica realista” e articúlase en catro grandes alicerces. O primeiro será a gobernación e o cumprimento normativo, destinado a fixar os principios de funcionamento, os órganos de control e os mecanismos de supervisión.

O segundo eixo estará centrado na transformación dixital interna da Deputación, co denominado Laboratorio MencIA como núcleo principal para mellorar a eficiencia dos servizos provinciais.

O terceiro alicerce enfocarase en pór a intelixencia artificial ao servizo dos municipios, especialmente en tarefas de asistencia técnica e administrativa. Finalmente, o cuarto eixo buscará impulsar un ecosistema territorial de innovación mediante a colaboración con institucións, universidades e empresas galegas.

O proxecto contará ademais con dúas estruturas operativas diferenciadas. Por unha banda, o Laboratorio MencIA, concibido como a infraestrutura tecnolóxica propia para o desenvolvemento e despregamento de sistemas de intelixencia artificial de código aberto. Por outra, o Centro de Innovación Territorial (CIT) da provincia de Lugo, que actuará como eixo territorial do proxecto.

Os responsables do proxecto detallaron que o Laboratorio MencIA estará formado por tres compoñentes: unha infraestrutura tecnolóxica encargada de executar os modelos de intelixencia artificial; as aplicacións e asistentes que permitirán interactuar co sistema; e un sistema central de coordinación que integrará todos os elementos.

AS APLICACIÓNS QUE AUTOMATIZAN AS TAREFAS

Entre as principais novidades presentadas figura a creación de diferentes aplicacións orientadas a automatizar tarefas administrativas e reducir tempos de xestión dentro da Deputación. Segundo se explicou durante o acto, estas ferramentas permitirán resolver tarefas complexas nun máximo de tres interacciones.

Entre as aplicacións previstas destacan un resumidor automático de documentos, extractores de texto, transcriptores de audio, un sistema de seguimento de edictos do BOE, xestores intelixentes de correo electrónico, almacéns de instrucións administrativas, calculadoras de prazos vinculadas á Lei de Contratos do Sector Público ou analizadores de convocatorias de axudas e subvencións.

A estratexia incluirá tamén asistentes virtuais especializados ou ‘chatbots’ adestrados con información pechada e específica, sen acceso libre a internet, co obxectivo de garantir a seguridade e fiabilidade das respostas.

Entre os asistentes previstos figuran ferramentas de apoio docente, sistemas para elaborar memorias justificativas de contratos, asistentes especializados en contratación pública local, asesores en función pública, servizos de atención a usuarios, plataformas de formación operativa, xeradores de instrucións para outras ferramentas de IA e sistemas de creación de asistentes personalizados.

OS PASOS A SEGUIR

A estratexia será elevada ao pleno provincial o próximo 26 de maio para a súa aprobación definitiva como folla de ruta de intelixencia artificial da Deputación de Lugo para o período 2026-2030.

A implantación de MencIA desenvolverase de maneira progresiva durante o próximos catro anos. A primeira fase incluirá a posta en funcionamento de oito aplicacións e nove asistentes virtuais.

Entre finais de 2026 e comezos de 2027 está prevista a constitución do Comité de Gobernación e o inicio dos primeiros proxectos piloto. O despregamento interno completo realizarase entre 2027 e 2028, mentres que o obxectivo final pasa por consolidar o ecosistema tecnolóxico da Deputación antes de 2030.

TRANSFORMACIÓN

Durante a súa intervención, a presidenta provincial subliñou que a irrupción da intelixencia artificial xa está a transformar o funcionamento das administracións públicas e defendeu que a Deputación non podía quedar á marxe dese proceso.

“Este cambio xa está aquí. A intelixencia artificial vai transformar a maneira de traballar das institucións e nós tiñamos claro que a Deputación de Lugo non podía quedar esperando a ver que facían os demais”, sinalou.

López explicou que o obxectivo é desenvolver un modelo propio “desde o público, con garantías, con control sobre os datos e pensando na realidade concreta desta provincia”.

Neste sentido, destacou que a iniciativa nace coa intención de reforzar os servizos públicos e acompañar aos concellos de menor tamaño nun proceso tecnolóxico que, en moitos casos, sería inasumible de maneira individual.

A presidenta lembrou que a provincia conta con 67 municipios, dos cales 66 teñen menos de 20.000 habitantes, polo que defendeu que falar de intelixencia artificial en Lugo supón tamén falar de cohesión territorial e igualdade de oportunidades.

 

+ posts

ÚLTIMAS