InicioLugo e contornaLugoMoción de censura: O goberno local aluda á "indignación popular" contra a...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

"A cidadanía vai saír á rúa e vai protestar", asegurou o tenente de alcalde, Arroxo. "Imos gobernar para todos. Ímolo a demostrar", esgrimiu Candia, quen garantiu que o seu goberno se caracterizará "pola normalidade".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia, xustificou o paso de presentar unha moción de censura, que apoia María Reigosa, a edila que deixou o PSOE e está no grupo de non adscritos, co argumento de que a cidade non merece un goberno –o encabezado polo socialista Miguel Fernández co BNG– “débil” e marcado polo “inmobilismo”.

“Non hai compradores nin vendidos”, sentenciou a dirixente popular, nunha rolda de prensa na que compareceu flanqueada polo tamén popular Ramón Carballo e por María Reigosa. O resto de edís estaban detrás.

Sen concretar máis datos sobre o futuro de Reigosa, quen afirmou que non optará á praza convocada en Costas, Candia dixo que “todos terán un papel cumprindo a lei”. Ao tempo, mostrouse convencida de que con Reigosa se traballará “de xeito conxunto” para que as propostas populares –algunhas as enumerou na propia comparecencia– poidan levar adiante.

Máis aló, defendeu o paso co argumento de que “a debilidade” dun goberno que ve “á deriva” non pode “arrastrar á deriva” á cidade. Tamén afeou “parálise e bloqueo” dos proxectos, así como “malgasto” e “incapacidade de xestionar aos recursos humanos”.

“Imos gobernar para todos. Ímolo a demostrar”, esgrimiu Candia, quen garantiu que o seu goberno se caracterizará “pola normalidade”. A comparecencia suspendeuse momentaneamente debido a que unha xornalista sufriu un mareo, aínda que se renovou posteriormente e a dirixente popular respondeu as preguntas dos medios.

Pola súa banda, María Reigosa quixo aclarar as “informacións falsas” que circulan sobre unha suposta praza creada á súa “medida” na Xunta. Asegurou que non se trata de nada novo senón dun proceso en marcha, e que as condicións desa vacante suporían igualdade ou empeoramento respecto da súa situación profesional actual. “Cómpre lembrar que esta praza foi creada fai máis dun ano e publicada nun decreto de estrutura de decembro de 2024, cando a Xunta asumía as competencias”, dixo, sinalando que se convocou nas tres provincias coa mesma titulación e que se abriu ao persoal do Estado porque quedou deserta en tres ocasións. “E para deixar claro a dúbida, cóntoo moi claro: non me vou presentar“, subliñou para asegurar que o seu compromiso co proxecto do PP non responde a ningún interese persoal nin económico.

“MECANISMO PLENAMENTE CONSTITUCIONAL” E PRESIÓNS

Reigosa defendeu que a moción de censura é un mecanismo democrático “plenamente constitucional” que se activa cando un goberno non cumpre o programa. Argumentou que a realidade de Lugo é unha cidade “parada” e un goberno “incapaz de dar resposta aos problemas”. Ademais, asegurou que sufriu “presións” esta semana para que non asinase a moción, incluída unha chamada do alcalde de Castroverde, José María Arias, quen segundo relatou lle garantiu que tamén estaba “descontente” co PSOE pero pediulle que falase co rexedor para “recuperar a dedicación”.

Sobre o seu futuro, Elena Candia afirmou que María Reigosa conta coa confianza do PP. “Estou segura de que traballaremos codo con codo“, dixo a líder popular, quen indicou que tras a votación anunciará a organización do goberno, pero que “todos terán un papel cumprindo a lei”. “Somos 13 e todos somos importantes”, engadiu. Candia defendeu o paso porque a debilidade dun goberno “á deriva” non pode arrastrar á cidade e afeou a “parálise” dos proxectos. “Imos gobernar para todos”, concluíu.

ANA PONTÓN: O PP DEBERÁ RESPONDER ANTE A XUSTIZA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avisou de que os máximos responsables do PPdeG, empezando polo seu presidente Alfonso Rueda, “deberán responder ante a xustiza” se o Partido Popular “compra o voto dunha tránsfuga” cun cargo público.

A líder dos nacionalistas galegos compareceu este mércores ante os medios de comunicación xunto ao tenente de Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, para avisar de que a súa formación “fará seguimento” da praza creada e que PSOE e BNG consideran que iría destinada a María Reigosa, a edila que deixou o grupo socialista e cuxo voto serve para que o PP presente a moción contra o goberno bipartito de Lugo.

“Se isto se confirma é unha vergoña democrática, un escándalo democrático de envergadura”, dixo Pontón, que asegurou que non só é algo “reprobable” desde o punto de vista político, senón que é “unha ilegalidade”.

“E por tanto, os responsables desa ilegalidade, empezando polo señor Rueda, que é o máximo responsable da Xunta de Galicia, terán que render contas ante a xustiza”, subliñou Pontón, que incidiu en que “non todo vale en política”.

PROTESTA CIDADÁ: “TRANSFUGUISMO NON, DEMOCRACIA SI”

A Plataforma contra o transfuguismo, composta maioritariamente por persoas vinculadas aos ámbitos da cultura e da educación, reuniu este mércores en Lugo unhas cen persoas en rexeitamento á moción de censura presentada polo PP co apoio da concelleira tránsfuga María Reigosa, á que convidaron a “non traizoar” ás e aos votantes de esquerdas. Apenas dúas horas tras o anuncio dos populares, o colectivo —constituído co nome ‘Transfuguismo NON, Democracia si‘— concentrouse diante do Concello para dar lectura a un manifesto en contra desta iniciativa política.

A través de Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Bernardino Pardo, a plataforma subliñou que as súas actuacións teñen lugar desde o “civismo, a pluralidade e a tolerancia, pero coa firmeza das conviccións democráticas”. Tamén se reivindicaron como “representantes dunha maioría social” que apoiou as forzas de esquerdas nas últimas eleccións. En relación con María Reigosa, instárona a reflexionar sobre a “indignidade de non poder mirar á xente aos ollos“. O escritor Lois Pérez insistiu en que o electorado de esquerdas apostou por servizos públicos de calidade e xustiza social, convidando á concelleira a reconsiderar a súa postura. As persoas asistentes advertiron de que esta decisión “terá consecuencias” e animaron á poboación a sumarse a unha nova concentración o venres ás 19:00 horas. No manifesto, cualificaron a moción de “maniobra oportunista” e golpe á vontade popular “desprovisto de lexitimidade ética”.

O GOBERNO DE LUGO: “INDIGNANTE”

A portavoz do PSOE no goberno de Lugo, Ana González Abelleira, aproveitou a reunión dos temas tratados en xunta de goberno para cualificar de “indignante” a moción de censura que o PP selou con María Reigosa, a edila que deixou o PSOE e que estaba no grupo dos non adscritos.

Indicou que é “unha tomadura de pelo” que se cree unha praza para “comprar unha moción de censura” e acusou tanto a Elena Candia como a María Reigosa de “rexerse por intereses persoais e utilizando métodos que xa estaban esquecidos”. Engadiu que “segue sendo o Partido Popular de sempre, utilizando as formas e maneiras de sempre”.

A socialista insistiu en que a saída dunha praza na Xunta na que se pide un perfil similar ao de María Reigosa “apunta a un delito penal e administrativo”. Por iso, instou aos sindicatos a que “vixíen esta situación porque pode ser un caso de suborno ou prevaricación”.

“INDIGNACIÓN CIDADÁ”

Pola súa banda, o nacionalista Rubén Arroxo aproveitou tamén para repetir a “indignación cidadá” que existe actualmente por este feito, en relación á plataforma que se está formando en contra da moción que impulsan personalidades da cultura. “A cidadanía vai saír á rúa e vai protestar”, asegurou Arroxo.

“OS VECIÑOS NON PERDOARÁN ESTA TRAIZÓN”

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, compareceu arroupado polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e outros cargos socialistas para cualificar a iniciativa de “felonía” e acción “inxusta para a imaxe da cidade”. Fernández acusou a Candia de “asaltar o concello para blindar as eleccións” ante unhas sondaxes que, segundo dixo, favorecen o ascenso socialista. “Utilizou tres mortes e unha tránsfuga na súa carreira persoal”, denunciou o rexedor, quen sostén que a verdadeira ambición de Candia é a Deputación.

Finalmente, Fernández revelou que a ruptura con María Reigosa veu motivada por “prebendas, peticións e cargos” que el non podía cumprir. “Fixen todo o humanamente posible para integrala no equipo, pero non foi posible”, concluíu o alcalde, quen advertiu de que Candia dedicará o ano que resta de mandato a “xudicializar e mercar vontades” cos medios municipais.

+ posts

ÚLTIMAS

A rotura dunha tubaxe de gas na intermodal de Lugo deixa sen subministración a 1.200 clientes

A rotura dunha tubaxe de gas por parte dunha escavadora que traballa na obra...

Daveiga, a empresa lucense que festexa o ‘Día das Letras Galegas’ cos traballadores

O compromiso co galego da empresa Daveiga, creadora e comercializadora das populares galletas ‘Mariñeiras’, é de...

O PP de Lugo acusa ao goberno provincial de “non ter estratexia turística”

“O goberno provincial de PSOE e BNG non ten estratexia turística para a provincia”,...

II Festa do Centenario de Rábade para o 31 de maio

O Concello de Rábade celebrará o próximo 31 de maio a II Festa do...