InicioLugo e contornaLugoLugo adxudica as obras en Carril das Flores e aproba as axudas...

Lugo adxudica as obras en Carril das Flores e aproba as axudas á mobilidade, ONGs e deportistas

O goberno local aprobou a expropiación dun terreo en Alfonso X O Sabio que se destinará a zona verde

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xunta de goberno local do Concello de Lugo aprobou este mércores a adxudicación das obras de renovación integral da rúa Carril das Flores, un proxecto cun orzamento final de 668.850,05 euros e un prazo de execución de dez meses.

A intervención abarca o tramo comprendido entre cálea Primavera e a futura pasarela, e inclúe a renovación completa das redes de abastecemento, saneamento e subministración eléctrica, así como a creación dun novo espazo peonil con acceso restrinxido a residentes e a operacións de carga e descarga.

A empresa adxudicataria será Construcións Sanle, a mesma que executará a nova pasarela, co fin de coordinar ambas as fases da obra e axilizar os prazos. Doutra banda, a Tenencia de Alcaldía aprobou tamén a apertura do proceso de licitación do contrato de mantemento das caldeiras dos edificios municipais, cun orzamento basee de 74.000 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración inicial dun ano, prorrogable ata un máximo de tres anos.

O Concello valorará, ademais do prezo ofertado, que a empresa adxudicataria forme parte da rede técnica oficial dos fabricantes de caldeiras, co fin de garantir un servizo eficiente e rápido. O goberno tamén aprobou as bases das subvencións dirixidas a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD), dotadas cun orzamento total de 50.000 euros.

Os fondos distribuiranse en dúas liñas diferenciadas: unha primeira, dotada con 40.000 euros, destinada a proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento en países e territorios prioritarios; e unha segunda, de 10.000 euros, enfocada a accións de sensibilización e educación para o desenvolvemento que leven a cabo no propio municipio de Lugo.

As axudas permitirán financiar iniciativas orientadas á igualdade de xénero, a defensa dos dereitos humanos, o acceso á saúde, a educación e o desenvolvemento sustentable. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación e acreditar experiencia previa neste ámbito, ademais de presentar proxectos executables durante o exercicio 2025. O Concello poderá asumir ata o 90% do custo total das actuacións, mentres que as organizacións beneficiarias deberán achegar o 10% restante.

AXUDAS Á MOBILIDADE

Tamén a Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases reguladoras, a autorización do gasto e a apertura das convocatorias públicas de 2025 correspondentes ás dúas liñas de axudas destinadas a promover a mobilidade accesible e reforzar o servizo de taxi adaptado no municipio.

As medidas, desenvolvidas no marco do convenio municipal co Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) e coa Fundación ONCE, contan cun orzamento total de 19.000 euros, destinados a mellorar a autonomía das persoas con discapacidade e a apoiar aos profesionais que prestan este servizo esencial.

A primeira das convocatorias, dotada con 5.000 euros, diríxese a persoas empadroadas en Lugo con polo menos un ano de antigüidade, que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e mobilidade reducida segundo ditame técnico. Cada solicitante podía recibir ata 800 euros anuais, ou 1.000 euros no caso de residentes nas parroquias rurais.

Os desprazamentos subvencionables debían realizarse dentro do termo municipal, aínda que se contemplaban viaxes excepcionais por motivos médicos, xudiciais ou educativos. A segunda liña de axudas, cun orzamento de 14.000 euros, destínase aos titulares de licenzas de taxi adaptado que prestan servizo no municipio de Lugo.

As subvencións cobren gastos de mantemento, reparación, adaptación, mellora e seguros dos vehículos accesibles, así como outros custos vinculados á súa posta en servizo. O importe máximo por beneficiario é de 3.000 euros, cun pago anticipado do 50 % sen necesidade de aval, e o resto, condicionado á xustificación das actuacións.

Na liña de axudas, este organismo tamén deu o visto e prace ás axudas para o talento deportivo de 2025, para as que se destinan 26.000 euros de orzamento e que se repartirán en réxime de concorrencia competitiva en función dos resultados do 2024. Poderán optar deportivas federados con data de nacemento entre 2006 e 2011, así como todos os que presenten discapacidade sen límite de idade. Recibirán un máximo de 1.500 euros cada un.

OUTROS ASUNTOS

Noutra orde de cousas, o goberno local aprobou a expropiación dun terreo en Alfonso X O Sabio que se destinará a zona verde. Trátase dunha leira próxima ao río pola que se pagarán 441.949,66 euros, pago para o que xa había asignación orzamentaria.

Tamén foron resoltas as alegacións da nova ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles, aprobada en xullo. Só houbo alegacións do colexio de Arquitectos, que non foron aceptadas. A listaxe de asunto completouse coa aprobación dunha axuda de 1.800 euros para o proxecto Xuvenciencia da USC; a ampliación do Fondo Lugo Transforma ata 31 de decembro de 2026 e declarouse deserto o concurso para a adquisición dun camión cesta-guindastre para servizos no medio rural.

ÚLTIMAS

A feira de gando do San Froilán no punto de mira: rexeitada a moción do PP para investigala

O Goberno local de Lugo, co voto de calidade do alcalde debido á ausencia...

A Deputación terá 135 millóns máis nos seus orzamentos para 2026

A Deputación de Lugo contará en 2026 cun orzamento de 135 millóns de euros,...

Un operativo contra os locais de lecer nocturno en Lugo remata cun detido e 39 identificados

Un home foi detido por un suposto delito de atentado contra un axente da...

CC.OO. esixe a dimisión da edila de Persoal do Concello de Lugo

Comisións Obreiras (CC.OO.) esixiu a dimisión inmediata da concelleira de Persoal do Concello de...