InicioLugo e contornaLugoA alcaldesa de Lugo cualifica de "obxectivo irrenunciable" o estudo de viabilidade...

A alcaldesa de Lugo cualifica de “obxectivo irrenunciable” o estudo de viabilidade da conexión ferroviaria con Santiago

"Imos seguir avanzando neste obxectivo irrenunciable. Neste sentido, realizaremos un seguimento deste asunto e das súas distintas fases para alcanzar esta necesaria conexión co Eixo Atlántico", subliñou Paula Alvarellos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, saudou o anuncio dun estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria directa entre a capital luguesa e Santiago, que a rexedora socialista cualifica como un “obxectivo irrenunciable”.

Este luns, no que se coñeceu a licitación da análise sobre unha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade, a alcaldesa valorou o paso dado polo Ministerio de Transportes que, como lembrou, foi avanzado polo ministro Óscar Ponte durante unha visita a Lugo a mediados de xuño.

En declaracións difundidas aos medios, Alvarellos incidiu en que a licitación do estudo de viabilidade “é unha constatación do compromiso adquirido con e as luguesas”, supón “un avance no futuro” da cidade, ademais de reividicarlo como froito do “traballo activo” do goberno local “para esixir a necesaria mellora das comunidades en Lugo”.

“Imos seguir avanzando neste obxectivo irrenunciable. Neste sentido, realizaremos un seguimento deste asunto e das súas distintas fases para alcanzar esta necesaria conexión co Eixo Atlántico”, subliñou Alvarellos.

CONTRATO

A redacción do estudo, que saíu a concurso por un importe de 423.500 euros e que persegue, segundo o Ministerio, o obxectivo de definir un novo trazado capaz de “renovar e modernizar” a conexión ferroviaria entre Lugo, a capital de Galicia e as principais cidades da cornixa atlántica, constará de dúas fases.

A primeira estará centrada en analizar a mobilidade no ámbito da capital lucense para poder avaliar os fluxos de viaxeiros, determinar as necesidades da poboación e establecer o nivel de demanda de novos servizos de transporte na cidade amurallada e a súa contorna de influencia.

Durante a segunda traballarase directamente na caracterización do trazado a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade á vez que se procederá a avaliar os traballos de acondicionamento necesarios na liña ferroviaria xa existente.

Finalmente, precisou o Ministerio, analizarase a conveniencia das alternativas propostas en base a “un estudo de rendibilidade socieconómica” que tomará en consideración “a demanda e os tempos de viaxe previstos”.

O estudo de viabilidade, que vén dar resposta a unha demanda antiga da cidadanía lucense, encádrase dentro das actuacións previstas desde o Ministerio de Transportes para modernizar a rede ferroviaria galega mellorando algúns “trazados centenarios” que impedían, indicaron, o desenvolvemento de “conexións eficaces” e que se traducían nunha “baixa competitividade” do ferrocarril en relación a outros medios de transporte.

PSOE E BNG CELEBRAN O ANUNCIO

As reaccións ante o anuncio da licitación do estudo de viabilidade ferroviaria entre Lugo e Santiago non se fixeron esperar. O presidente da Deputación Provincial de Lugo, o socialista José Tomé, cualificou a noticia como unha mostra do “compromiso firme” do Goberno de España coa “modernización das comunicacións en Galicia” e como unha “aposta por mellorar a conectividade de Lugo” coas demais cidades do eixo atlántico.

“Este estudo supón un salto cualitativo nas infraestruturas ferroviarias”, subliñou Tomé, para quen conectar a capital lucense coas principais cidades da cornixa atlántica antóllase unha “ferramenta clave”, asegurou, para “mellorar as comunicacións, facilitar a mobilidade sustentable e impulsar o desenvolvemento económico, turístico e social” da provincia de Lugo.

Igualmente satisfeito co “avance” pero máis crítico coa xestión do Executivo central en materia ferroviaria mostrouse, pola súa banda, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, que definiu como unha “boa noticia” o estudo de viabilidade anunciado, pero que alertou do “importante atraso” no que segue sumida ao seu xuízo a provincia en materia de conexións por ferrocarril.

“Pedimos que xunto coas melloras nas infraestruturas se retome o servizo das liñas eliminadas nos últimos anos”, manifestou o tamén tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, que instou ao Goberno central a “planificar mellor os investimentos ferroviarios” na provincia. “Lugo segue sufrindo unha histórica discriminación en canto investimentos que se traducen nun déficit en infraestruturas”, finalizou.

Pola súa banda, a Xunta “congratúlase” pola licitación do estudo de viabilidade para a conexión por tren entre Santiago e Lugo, pero móstrase “escéptica” coa súa materialización debido ás “demoras e incumprimentos” do Goberno central non só co transporte ferroviario, senón tamén con outras infraestruturas en Galicia.

ÚLTIMAS

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...