InicioEconomíaTransportes anuncia un estudo de viabilidade dunha liña ferroviaria Lugo-Santigo

Transportes anuncia un estudo de viabilidade dunha liña ferroviaria Lugo-Santigo

O traballo analizará os fluxos de viaxeiros e proporá un trazado para enlazar a capital lucense coas cidades da cornixa atlántica

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable anunciou este luns a licitación dun estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria de maneira directa entre as cidades de Lugo e Santiago a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

A redacción do estudo, que saíu a concurso por un importe de 423.500 euros e que persegue, segundo o Ministerio, o obxectivo de definir un novo trazado capaz de “renovar e modernizar” a conexión ferroviaria entre Lugo, a capital de Galicia e as principais cidades da cornixa atlántica, constará de dúas fases.

A primeira estará centrada en analizar a mobilidade no ámbito da capital lucense para poder avaliar os fluxos de viaxeiros, determinar as necesidades da poboación e establecer o nivel de demanda de novos servizos de transporte na cidade amurallada e a súa contorna de influencia.

Durante a segunda traballarase directamente na caracterización do trazado a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade á vez que se procederá a avaliar os traballos de acondicionamento necesarios na liña ferroviaria xa existente.

Finalmente, precisou o Ministerio, analizarase a conveniencia das alternativas propostas en base a “un estudo de rendibilidade socieconómica” que tomará en consideración “a demanda e os tempos de viaxe previstos”.

O estudo de viabilidade, que vén dar resposta a unha demanda antiga da cidadanía lucense, encádrase dentro das actuacións previstas desde o Ministerio de Transportes para modernizar a rede ferroviaria galega mellorando algúns “trazados centenarios” que impedían, indicaron, o desenvolvemento de “conexións eficaces” e que se traducían nunha “baixa competitividade” do ferrocarril en relación a outros medios de transporte.

PSOE E BNG CELEBRAN O ANUNCIO

As reaccións ante o anuncio da licitación do estudo de viabilidade ferroviaria entre Lugo e Santiago non se fixeron esperar. O presidente da Deputación Provincial de Lugo, o socialista José Tomé, cualificou a noticia como unha mostra do “compromiso firme” do Goberno de España coa “modernización das comunicacións en Galicia” e como unha “aposta por mellorar a conectividade de Lugo” coas demais cidades do eixo atlántico.

“Este estudo supón un salto cualitativo nas infraestruturas ferroviarias”, subliñou Tomé, para quen conectar a capital lucense coas principais cidades da cornixa atlántica “vese” unha “ferramenta clave”, asegurou, para “mellorar as comunicacións, facilitar a mobilidade sustentable e impulsar o desenvolvemento económico, turístico e social” da provincia de Lugo.

Igualmente satisfeito co “avance” pero máis crítico coa xestión do Executivo central en materia ferroviaria mostrouse, pola súa banda, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, que definiu como unha “boa noticia” o estudo de viabilidade anunciado, pero que alertou do “importante atraso” no que segue sumida ao seu xuízo a provincia en materia de conexións por ferrocarril.

“Pedimos que xunto coas melloras nas infraestruturas retómese o servizo das liñas eliminadas nos últimos anos”, manifestou o tamén tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, que instou ao Goberno central a “planificar mellor os investimentos ferroviarios” na provincia. “Lugo segue sufrindo unha histórica discriminación en canto investimentos que se traducen nun déficit en infraestruturas”, finalizou.

ESCEPTICISMO DA XUNTA

A Xunta congratúlase pola licitación do estudo de viabilidade para a conexión por tren entre Santiago e Lugo, pero móstrase “escéptica” coa súa materialización debido ás “demoras e incumprimentos” do Goberno central non só co transporte ferroviario, senón tamén con outras infraestruturas en Galicia.

Así se pronuncia o Executivo autonómico nun comunicado, despois de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable anunciase este luns a próxima adxudicación, por 423.500 euros, do estudo para conectar estas dúas cidades por tren a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

Así, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes –a que ten competencias en mobilidade– saúda este paso e espera que o proxecto “se materialice en tempo”. Con todo, lembra as “demoras e incumprimentos” que atravesan outras infraestruturas, entre as que menciona a conexión de alta velocidade con Portugal, a chegada da alta velocidade a todas as cidades galegas e o eixo A Coruña-Ferrol, entre outros.

ÚLTIMAS

Dáse á fuga tras tirar a un motorista e case atropelar a algúns peóns

O condutor dun turismo deuse á fuga este luns en Lugo tras chocar por...

O PP critica a PSdeG e BNG por non apoiar a instalación de Altri

O PP subliñou este martes o seu apoio á implantanción da factoría de Altri...

Case douscentos veciños de Lugo participan esta semana no programa ‘Coñece a túa Provincia’

Máis de 180 veciños de seis entidades da provincia de Lugo participan esta semana...

Retiran a rampla de acceso ao Miño inaugurada hai 13 días por acabarse o permiso para este verán

Os servizos municipais retiraron este luns a pasarela de acceso ao río Miño en...