As infeccións activas por covid en Galicia continúan á baixa e xa se atopan por baixo dos 9.000 casos, concretamente nos 8.953, tras negativizarse outras 331 infeccións nas últimas 24 horas. Os novos contaxios tamén baixan, xa por baixo do medio centenar –452–e a presión hospitalaria retoma a súa tendencia descendente, con 249 hospitalizados na Comunidade por coronavirus. A taxa de positividade sitúase no 7,36%.
Segundo os datos feitos públicos este sábado pola Consellería de Sanidade (con información solicitada ata as 18,00 horas do venres), nas últimas 24 horas confirmáronse na comunidade 452 contaxios novos, a maior parte deles rexistrados nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Lugo.
Así, a área santiaguesa volve ser a área que máis novos casos rexistra por terceiro día consecutivo, con 105 nas últimas 24 horas, seguida moi de preto pola coruñesa, con 103 infeccións novas. A de Lugo supera, tamén, o centenar de casos, con 102 contaxios novos, mentres que a de Vigo suma 51 casos; Ourense, 49; Pontevedra, 24; e a de Ferrol, 18.
As infeccións activas, pola súa banda, mantéñense por baixo da barreira dos 10.000 por cuarto día consecutivo, baixando incluso este sábado dos 9.000 casos. Así, tras negativizarse 331 casos, sitúanse en 8.953. Respecto dos casos por áreas, Vigo encabeza a baixada unha vez máis, con 170 infeccións activas menos, co que queda con 1.773 casos.
Con todo, é a área coruñesa a que continúa liderando a relación de infeccións activas, con 2.384 tras negativizarse na zona 146 casos. Pontevedra presenta 42 casos menos, con 689 infeccións en total, e en Ferrol se negativizan 18 casos –642 en total–.
O lado negativo represéntano Santiago, Lugo e Ourense, onde soben as infeccións activas. A área lucense suma 15 casos activos máis –1.437 en total–; a santiaguesa, 29 máis –1.320 en total–; e a ourensá suma unha nova infección activa, co que queda con 708.
PRESIÓN HOSPITALARIA
A tendencia á baixa que viñan reflectindo os datos publicados por Sanidade en canto a presión hospitalaria retómase este sábado, tras estabilizarse o pasado venres. Así, Galicia conta con 249 pacientes ingresados, dos que 55 están en UCI –dúas menos– e 194 en unidades convencionais –23 menos–.
Por áreas, o maior número de pacientes graves segue na Coruña, con 16 casos en UCI (sen cambios). Os coruñeses contan ademais con 13 pacientes menos en unidades convencionais (50 en total). Ademais de en Coruña, a carga asistencial redúcese tamén na área de Vigo, cun ingresado menos en críticos (11 en total) e cinco menos en unidades convencionais (40).
O descenso na presión hospitalaria reflíctese ademais na área lucense que, aínda que mantén a tres persoas en coidados intensivos (sen cambios), rexistra cinco pacientes menos en planta (26); tamén na pontevedresa, que segue con cinco ingresados en críticos, pero conta con tres hospitalizados menos en unidades covid (14). A mesma liña segue Ourense, con nove camas ocupadas en UCI (sen cambios), pero catro pacientes menos en planta (22).
Doutra banda, a presión sobe nas áreas de Ferrol, con tres pacientes máis en planta (23 en total) e un máis en UCI (sete), e na de Santiago, que conta con dous pacientes menos en críticos (4), pero con catro camas máis ocupadas en unidades convencionais (19).
CURADOS, FALECIDOS E PROBAS DIAGNÓSTICAS
Desde o inicio da pandemia de covid recuperáronse da enfermidade 166.050 persoas, das que 779 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas horas. Por contra, faleceron 2.557 contaxiados.
Os últimos decesos corresponden a tres homes e unha muller falecidos os días 26 e 27 de agosto en hospitais da Coruña e Cee. Todos tiñan patoloxías previas, segundo a Consellería de Sanidade.
Dous dos óbitos producíronse na xornada do xoves. Ambos eran homes –de 70 e 86 anos, respectivamente– e atopábanse hospitalizados no CHUAC.
Con respecto ás probas diagnósticas, desde o inicio da crise sanitaria realizáronse en Galicia máis de 2,7 millóns de probas PCR. Segundo a actualización de datos de Sanidade, a porcentaxe de casos positivos detectados nesas probas baixou ata o 7,36% que, no entanto, está aínda moi por encima do 5 % fixado pola OMS para dar por controlada a pandemia.