InicioLugo e contornaLugoLugo crea unha brigada de prevención de incendios forestais

Lugo crea unha brigada de prevención de incendios forestais

A área de Medio Ambiente solicitou a súa creación debido á gran masa forestal do municipio que cómpre atender e que ocupa máis do 60% do territorio.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo disporá este verán dunha brigada de prevención de incendios forestais. A área de Medio Ambiente solicitou a súa creación debido á gran masa forestal coa que conta o municipio e que ocupa máis do 60% do seu territorio “o que aconsella – según sinalou Miguel Fernández – a atención permanente sobre estas zonas co obxectivo de evitar a xeración de lumes, especialmente nos meses de máis calor”.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente anunciou que esta semana a Xunta de Goberno Local aprobou as bases de selección, para contratar a un total de 7 persoas que comporán a brigada, entre eles un capataz, cinco peóns forestais e un peón tractorista.

“Terán o cometido de desempeñar labores de vixilancia, extinción e prevención de incendios como pode ser a roza e eliminación de biomasa, para o que empregarán tanto métodos manuais como mecanizados. O contrato terá unha duración de tres meses que se corresponden cos de xullo, agosto e setembro cando se rexistran as maiores temperaturas do ano e, polo tanto, se concentra un maior risco de incendio”, sinalou o edil.

Fernández explicou tamén que as persoas interesadas en participar no proceso selectivo poderán presentar a súa solicitude nos 5 días hábiles seguintes á publicación oficial do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello.

“As e os aspirantes deberán pasar primeiro unha proba teórica, contestando un cuestionario tipo test de 25 preguntas, con tres opcións cada unha, baseadas en temarios específicos para cada un dos tres postos ofertados. A segunda fase do proceso será a baremación de méritos para o que se terá en conta tanto a experiencia profesional como os servizos realizados e a titulación e, ademais, deberán superar un exercicio físico de esforzo”, indicou o concelleiro.

Miguel Fernández destacou que “coa incorporación desta brigada dotámonos de efectivos propios para poder atender os nosos montes coa debida axilidade en caso de declararse algún fogo, pero tamén de maneira responsable traballando para que estes non cheguen a producirse mantendo a raia o crecemento da vexetación e diminuíndo os niveis de perigo”.

CATRO SOCORRISTAS

O tenente de alcaldesa e portavoz municipal indicou, igualmente, que esta semana o equipo de goberno validou, alén, as bases para seleccionar a catro socorristas que desenvolverán, por quendas, labores de vixilancia e salvamento acuático nas áreas recreativas fluviais durante dous meses.

A convocatoria, publicada ao abeiro das achegas autonómicas para o fomento e mellora da empregabilidade, cursouse a través da Oficina Pública de Emprego que realizou a escolla das e dos candidatos. Logo de celebrarse este venres as probas selectivas, as e os novos socorristas comezarán a traballar xa neste mesmo mes de xullo.

ÚLTIMAS

Besteiro reclama “máis forza municipalista” no congreso de proclamación de Tomé como secretario do PSOE en Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, foi proclamado este sábado secretario provincial do PSOE no...

Miguel Fernández reclama un “maior compromiso” da Xunta nos proxectos de valor estratéxico para a cidade

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reclamou un "maior compromiso" por parte da Xunta naqueles proxectos que...

Xulgan a dous homes que se agrediron mutuamente por un cabalo que entrou na propiedade dun deles en Xermade

A Audiencia Provincial de Lugo acolle o vindeiro martes, día 13, o xuízo contra dous homes...

Lugo acollerá a Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas en 2026

Lugo acollerá en 2026 a Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH),...