Na procura de ideas para “manter viva a chama” do Arde Lucus

O Concello reunirase coas asociacións de recreación histórica para propoñer alternativas e para traballar con máis "ímpeto" na edición do 2021, cando se fagan 20 anos desta festa romana.

Desfile de Arde Lucus | Óscar Bernárdez

EFE | O Arde Lucus non poderá celebrarse con normalidade debido á pandemia do coronavirus, pero iso non quere dicir que non se celebre de ningunha maneira. O goberno local de Lugo reunirase coas 19 asociacións de recreación histórica e con outros colectivos da cidade para “manter viva a chama” desta festa romana e para traballar con máis “ímpeto” na edición do vindeiro 2021.

Mañá, martes 28 de abril, será a primeira reunión telemática con estas asociacións tras a suspensión do evento. Así o informou en declaracións a EFE a concelleira de Xuventude, Ana González Abelleira, quen lembrou que os colectivos organizadores non traballan “só quince días ao ano”, senón que se preparan durante meses. Poñen esforzo persoal, “gastos e investimentos” para garantir uns días grandes.

Por iso, dixo a edila, o goberno local ten a firme intención de “manter viva a chama” do Arde Lucus, “social e institucionalmente”, de modo que estudará posibles “alternativas” para seguir colaborando con eses colectivos e “paliar as consecuencias da anulación deste ano”. “Imos traballar para celebrar con máis ímpeto a edición do 2021, cando se cumpren vinte anos” do nacemento do Arde Lucus, dixo Abelleira.

En canto á anulación da festa, recoñeceu que foi “unha decisión complicada”, porque é un auténtico “revulsivo económico” para a cidade, pero recoñeceu que nas circunstancias actuais “non se pode garantir ao 100 %” a saúde da xente, que é “o máis importante”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here