Jorge Prado é aos 17 anos a gran promesa do motocross español. Este rapaz natural de Lugo, parte do equipo KTM na categoría MX2, atravesa o ecuador da competición en segunda posición, logo dun novo podio no Gran Premio de Indonesia. Ten a sete puntos ao líder, o letón Pauls Jonass, que é catro anos maior.
Hai poucos días lograches a quinta vitoria no Campeonato do Mundo de Motocross. É máis do que pensabas no comezo da tempada?
Ao principio o noso obxectivo era estar entre os cinco ou tres primeiros durante todo o ano. A verdade é que non pensaba que fose a ir tan ben coma está indo todo. Ultimamente estou a ser moi constante e iso vai ben de cara ao campionato. Pero non, non pensaba que puidese ir así.
Cal foi a premisa principal coa que plantexastes a tempada?
Este ano estou diferente no equipo dentro de KTM, englobado na estrutura de Claudio Di Carli. No seu día cambiamos un pouco o programa de adestramentos, pero o obxectivo número un era e é sermos constantes.
É difícil manter a concentración para estar arriba? Moita presión?
O máis importante é seguir dando todo en cada carreira, non pensar no campionato porque aínda queda moito. Tentar facelo o mellor posible en cada unha delas é a clave.
Canto e como adestras?
Adestramos todos os días, e bueno, depende de se é semana de carreira ou non, imos cambiando o programa. Algúns días saio a correr, facemos varios días enriba da moto… Segundo o calendario imos a circuitos de area o de terreo duro para preparar a vindeira proba.
Está claro que aínda non conseguiches o título, mais só o feito de que esteas aí carreira a carreira é algo moi importante. Como ves o nivel do motocross en España? Porque cada día hai máis españois que saen a competir e acadan resultados importantes.
Agora mesmo vexo que hai pilotos que saen fora de España a competir en diferentes categorías, tanto do Mundial como do Europeo. Especialmente en 125 cc os españois están a facelo moi ben, e iso convida a outros pilotos a intentalo tamén. Dentro do MX2 ás veces hai ata tres españois no top 10, e iso é moi positivo porque non hai moitos países que poidan decir o mesmo. Estamos a facelo moi ben.
Escolliches formarte en Bélxica para estar ao máis alto nivel. Que falla no noso motocross?
Coido que é posible poder prepararte e adestrar en España, pero o problema é que os equipos non están aí. Para min foi moito máis sinxelo adestrar en Bélxica pero é por iso, porque os equipos non teñen a base en España, e iso complica as cousas.
Moitos colocábante xa no AMA [o campionato norteamericano de motocross]. Por que decidiches quedar? Decisión persoal ou contrato?
Foi unha decisión un poco de todos, miña e do equipo, porque aínda non gañei nada e penso que era un pouco arriscado marchar a Estados Unidos. Eu quero seguir no Mundial. No futuro pode que estea a oportunidade de correr no AMA, pero agora estou centrado no Mundial.
Que tres palabras lles dirías aos xoves que ven en ti un exemplo e queren acadar a cima?
Adestramento, responsabilidade e gañas.
Quen é o teu piloto de referencia?
Agora mesmo Tony Cairoli [nove veces campión mundial], pois estamos no mesmo equipo e podo adestrar cada día con el. A verdade é que me sorprende moito, así que no día a día é a miña referencia.
Voltaremos a ver competir a Jorge Prado en algunha carreira do Campionato de España?
É complicado, porque o calendario está apertado e non temos moito tempo para baixar a España, pero bueno, ao mellor algún día pode que vaia correr.
Cortesía da Real Federación Motociclista Española (RFME)