InicioCulturaO Concello de Lugo engade actividades á axenda lúdica do verán

O Concello de Lugo engade actividades á axenda lúdica do verán

Programación de balde con xogos tradicionais, roteiros naturais e cursos de formación en audiovisual e arte urbana – Tamén foi publicada a lista de cativos admitidos nos cursos de educación viaria

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo presentou este venres as novas actividades de balde dirixidas á mocidade para este verán. A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer esta axenda lúdica enmarcada no programa +Xtí, de prevención de consumo de drogas. A corporación informou asemade da publicación da listaxe de nenas e nenos admitidos nos cursos de educación viaria.

Trátase, en primeiro lugar, de xogos tradicionais interxeracionais, coma o xogo de bólas, buxainas, o xogo da rá, zancos, aro, carreiras de sacos ou o zorriago. “É un xeito de pór en valor e recuperar o patrimonio lúdico espallado por toda a xeografía galega, ao tempo que se ofrece unha alternativa para que participen e interactúen nenos e nenas e maiores”, subliñou a edil.

As actividades comezarán este domingo, 1 de xullo, no Parque de Rosalía de Castro, na contorna dos xogos infantís, e celebraranse todos os domingos ata o 12 de agosto, agás o 29 de xullo. Serán de 18:30 a 20:30 horas e recalarán, por orde, na Praza Maior, nas proximidades do quiosco da música; na Praza Milagrosa, preto da área de xogos da zona da Biblioteca Municipal; en Augas Férreas, na Praza Anxo Fernández Gómez e na Praza Roxa. Xotramu e a Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular serán os encargados de pilotar estas novas actividades, cunha duración de dúas horas.

Os roteiros de sendeirismo na natureza son outras das alternativas. Serán un total de oito e comezarán o 9 de xullo, coa andaina As ribeiras altas, Miño arriba. O calendario de excursións continuará o 11, 16, e 18 de xullo; e o 13, 15, 27 e 29 de agosto. Para participar é preciso insciribrse no Servizo de Información Municipal 010 ou a través do 982-29-73-50, para os de fóra de Lugo. Estas rutas, dirixidas por un biólogo profesional, tamén tratarán os Lagos de Teixeiro, a Insua de Burneiros, o  Camiño do Miño, a Ruta dos Mapaches, o río Mera, a Ruta da Agua e o río Rato. O punto de saída é a parada de autobús da rúa Anxo López Pérez, ás 10:00 horas, cunha duración ata as 14:00 horas.

O Concello tamén ofrece dous cursos de formación audiovisual. O primeiro abrangue a iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e o segundo está enfocado á creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiraos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.

Para as e os amantes da arte urbana, a entidade local ten preparado un obradoiro de hip hop, que consta de 10 sesións, martes e xoves, das 10:00 ás 13:00 horas, do 17 de xullo ao 16 de agosto. Tamén hai unha actividade de grafiti, Lugo Mola. Do día 30 de xullo ao 3 de agosto renovarase o mural da zona de street workout da zona do Parque de Rosalía, e do 4 ao 10 de agosto, o da Praza do Castiñeiro.

Esta actividade tamén leva irmandada a humanización dos espazos xuvenís, como a instalación de iluminación ou a renovación de elementos de xogo, como por exemplo, de aros de canastra.

O tenis de mesa, de luns a vernes, das 10:00 ás 13:00 horas, dende o 1 ao 29 de agosto, nas instalacións de tenis de mesa de Frigsa é outra actividade, que se engade ás anunciadas anteriormente polo Concello, como un taller de tatuaxe, outro para reparar móbiles, ou un obradoiro de comunicación, entre outros.

 

Publicada a listaxe de admitidos nos cursos de formación viaria para nenos

O Concello de Lugo asemade publicou a listaxe de nenas e nenos admitidos nos cursos de verán de educación viaria que organiza no Parque Infantil de Tráfico (PIT) a Concellería de Educación, que dirixe Manuel Núñez, xunto coa Dirección Xeral de Tráfico. Todas as persoas interesadas poden consultar a lista no taboleiro de anuncios do PIT, na páxina web do Concello e na Xefatura de Tráfico.

Trátase duns cursos, no que nesta edición participarán 105 cativos e cativas entre os 8 a 16 anos, que busca que os rapaces e rapazas adquiran condutas e comportamentos seguros, tanto como peóns como usuarios do transporte público e privado. Así mesmo aprenderán hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, situacións de tráfico reais, e a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos e do uso do chaleco reflector, o casco ou o cinturón de seguridade, entre outros.

Establécense sete quendas en función da idade dos e das participantes. Tres turnos para nenos e nenas de 8 a 9 anos, dous deles do 9 ao 13 de xullo -un en xornada de mañá e un de tarde-, e outro do 16 ao 20 de xullo. Tamén existen dous turnos para os e as participantes de 10 e 11 anos, do 2 ao 6 de xullo, ofrecendo o Concello ben quenda de mañá ou de tarde; un penúltimo para os cativos e cativas de 12 a 14 anos, do 23 ao 27 de xullo, e un para os e as de 15 e 16 anos, do 16 ao 27 de xullo.

As actividades de mañá, terán lugar de 10:30 a 13:00 horas, e de tarde, de 16:00 a 20:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá alomenos durante unha semana seguida, recibindo formación teórica e práctica. A clausura está programada para o 30 de xullo.

Máis información aquí ou no teléfono de atención cidadá de Lugo 010.

ÚLTIMAS

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...

Detido un home en Lugo por presunta agresión á súa nai

A Policía de Lugo detivo este xoves a un home, residente da rúa Tino...

A causa contra o loteiro de Lugo investigado por falsear un atraco, sen caso

A Fiscalía pediu o sobresemento provisional da causa aberta ao loteiro de Lugo acusado de simular...

Avogados piden unha xustiza máis próxima para as mulleres vítimas de violencia de xénero

Máis de 150 profesionais do ámbito xurídico e da igualdade déronse cita en Lugo...