InicioPolíticaMáis dúbidas que certezas entre os candidatos locais para Lugo

Máis dúbidas que certezas entre os candidatos locais para Lugo

A complexidade do escenario na cidade e os recentes cambios políticos postergan a estratexia dos partidos, a excepción do Bloque

PUBLICADA O

- Advertisement -

A menos de doce meses para os vindeiros comicios municipais, tan só unha das seis formacións con presencia no Consistorio de Lugo ten xa confirmado o que será o seu candidato. Rubén Arroxo foi ratificado polo Bloque Nacionalista Galego e repetirá coma cabeza de lista en 2019. Porén, no resto de forzas non hai novos avances e os acontecementos a nivel estatal poden comportar sorpresas nos candidatos.

Neste senso, o primeiro damnificado é o actual presidente do Partido Popular en Lugo, Ramón Carballo. O aínda subdelegado do Goberno na provincia será relevado como resultado da moción de censura. Este cese implica a volta aos servizos de veterinaria, unha considerable perda de visibilidade. Malia que aínda non confirmara a súa candidatura, o cargo orgánico e o peso institucional de Carballo deixábano coma a opción máis forte. Tan claro semellaba o camiño, que xa un comité de expertos estaba a elaborar o programa electoral dos populares.

Dende Madrid chega tamén un cambio obrigado para outras dúas formacións, Alternativa Cidadá de Esquerdas e Lugonovo. O acordo estatal acadado por Podemos, Equo e Esquerda Unida obriga a reconfigurar as alianzas locais en Galicia. O desexo da dirixencia central é deixar de lado a fórmula instrumental En Marea e apostar por unha coalición electoral que non mesture os aparatos internos.

Así as cousas, os rupturistas revisarán caso a caso as situacións nas sete cidades galegas antes de escoller candidatos. En Lugo dáse a situación de que os sectores de Anova e Podemos están en Lugonovo, mentres que Esquerda Unida foi por libre en ACE, con Carlos Portomeñe. Esta particularidade implica que ata que non se resolva a fórmula definitiva será complicado anticipar quenes liderarán as listas nestes espazos políticos.

O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe | OB

En Lugonovo queda por encher o baleiro que deixaron as saídas do antigo voceiro, Santiago Fernández Rocha, e do concelleiro Iñaki García. A segunda forza da esquerda na cidade, con tres edís, mantén a Cristina Pérez Herráiz coma representante, a pesar de que estaba previsto coma algo provisional. As alianzas de seguro serán definidas durante o que queda de verán e despois comezará a confección das listas.

En Ciudadanos hai movemento, aínda que semella asegurada a candidatura da voceira autonómica Olga Louzao. A formación laranxa vén de anunciar a incorporación do avogado de signo galeguista Jacobo Vázquez Rodríguez, quen fora o candidato máis novo en Lugo nas eleccións de 2007 por Terra Galega. A dirección de Ciudadanos quere facer da cidade amurallada a punta de lanza en Galicia, pois foi en Lugo onde acadaron dous dos dezaséis concelleiros que ostentan na comunidade. A escolla dos cabezas de cartel será a finais de 2018, tal e coma indicou Louzao.

Por último está o caso particular do Partido Socialista. Lara Méndez non estaba destinada á alcaldía, mais as implicacións xudiciais de López Orozco apartárona da Deputación. Todo apunta a que repetirá e será confirmada en outono logo de salvar o goberno local trala moción de confianza. Os socialistas non queren dar alas a unha alternativa e confían en manter a mesma relación de forzas.

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo modifica horarios de traballadores e instalará paneis especiais nas escolas infantís pola calor

O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo abriuse este luns coa intervención...

Lara Méndez, “tranquila” ante a situación de José Tomé nas primarias: “Cando detectamos un problema, dámoslle solución, non coma o PP”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, dixo estar "tranquila" ante a situación do...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home acusado de violar dúas veces a unha muller en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os días 3 e 4 de xullo o...