O incendio forestal rexistrado na tarde do martes no concello lugués de Guntín, na parroquia de Sirvián, quedou estabilizado ás 8.13 horas deste mércores. Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume iniciouse ás 16.17 horas e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 30 hectáreas.
Para sufocalo mobilizáronse dous técnicos, 16 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, tres pa, cinco helicópteros e tres avións. A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume.
Así mesmo, está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar dos incendios forestais activos en Galicia. Tamén existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
