A Policía Local de Lugo detivo a un condutor por delitos contra a seguridade viaria, resistencia, desobediencia e atentado contra axentes da autoridade. O individuo en cuestión foi interceptado con signos de conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas, fixo intentos por abandonar o lugar e chegou a empurrar a un dos efectivos policiais.
O implicado no incidente é un veciño da cidade, R.F.C.V., de 32 anos. Consta no relato da Policía Local que era o condutor dun vehículo con matrícula 6799CKG, e que circulaba na madrugada do xoves “de maneira anormal, dando aceleróns, con zigzaqueos e freadas” polo Carril das Hortas.
Contra as dúas da mañá, chegou á Rúa Paxariños e detívose nun semáforo na intersección con San Roque, malia que a luz estaba en verde. Os axentes decatáronse da circunstancia e baixaron do coche para interesarse polo condutor, comprobando que presentaba “evidentes signos” de atoparse baixo os efectos de bebidas alcohólicas.
Decontado, pedíronlle que se sometera á proba de alcoholemia, ao que se negou “de forma tallante” para tentar “abandonar o lugar, non sen antes dar un empuxón a un dos axentes”, informou a Policía Local. Para evitalo, os axentes tiraron del polo brazo, mentres o condutor interceptado realizaba espaventos, “impactando aos policías en varias ocasións”. Finalmente, o varón foi reducido e introducido “pola forza” no vehículo da Policía Local.