A falta de coordinación entre administracións é o factor principal á hora de explicar o asentamento da vespa velutina dende a aparición dos primeiros exemplares na Mariña lucense, en 2012. Os múltiples procesos electorais da primavera impedirán adoptar novas medidas máis ambiciosas, porque a marxe para iniciativas legais é na práctica inexistente, e a Xunta de Galicia –a reelexir en 2020– deixou claro que agardará polo Ministerio do ramo.
O baleiro lexislativo en corporacións locais, deputacións e Cortes prodúcese nun ano que os expertos coinciden en sinalar como o máis adverso para Lugo. A especie invasora, consolidada logo de sucesivos ciclos biolóxicos, non terá (previsiblemente) neste 2019 o freo das intensas choivas do ano anterior, que se prolongaron ata xuño. Os ciclos da auga, a vexetación e a situación dos núcleos rurais son os principais vectores de risco.
Aliás, trátase dun insecto de plasticidade total, con colonias activas en novembro, e que constrúe os niños cara a febreiro, baixo terra, en zonas urbanas, en árbores, nas cornixas dos edificios. As analoxías con outras vespas son improcedentes, e incluso se descoñecen partes do comportamento da velutina, como o papel dos machos nos niños embrionarios.
Medidas a longo prazo
Investigadores e ecoloxistas coinciden en que os métodos paliativos resultan ineficaces, e advirten de que erradicar a velutina é imposible. Porén, confían en que os estudos permitan obter un parásito que ataque selectivamente á vespa asiática, ou perfeccionar a interdicción das feromonas sexuais, rachando a capacidade reproductiva do insecto. E apuntan a que as arpas eléctricas instaladas nas colmeas de abellas poden resultar máis efectivas ca as trampas con cebo, que ocasionan danos colaterais.
Así e todo, os medios para a investigación son limitados, do mesmo xeito que as ferramentas das administracións municipais. A situación límite do verán anterior fixo que a Asociación Galega de Apicultura comezase a colaborar coa Universidade de Vigo, e de xeito paralelo, a Deputación da Coruña recorreu á Universidade de Santiago de Compostela. A nivel autonómico, os gobernos galego e castelán-leonés manteñen dende 2016 un protocolo de mínimos para a captura selectiva de raíñas, e dende xaneiro, a Xunta reforzou a retirada de niños nos espazos da Rede Natura 2000.
Se Galicia resultaba un emprazamento ideal polas condicións climáticas, a particularidade climática do Bierzo supón un paso obrigado para a velutina. O goberno de Castela e León monitorizou durante dous anos o avance da especie invasora sen alternativas aos métidos de contención que fracasaron en Galicia. En xullo, a vespa asiática atravesou o río Cabrera, internándose na comarca berciana. O primeiro ciclo de vida do insecto completarase este verán. É tarde.
A velutina estará presente en actividades cotiás, no desbroce, no coidado de monumentos, no tráfico e na intendencia. E chegará a crebar os ecosistemas máis delicados. O único intre sen actividade do véspido é durante febreiro, cando se ocupa de construír os niños. É o mes no que as tarefas no rural son máis seguras, mais o habitual é carecer de medios axeitados.
O caso milagroso do Valadouro
O goberno galego limitouse a entregar trampas aos apicultores e facer pequenas achegas discrecionais, mentres os axentes autonómicos, os GES e Protección Civil non poden garantir a retirada de niños por falta de medios. O Partido Popular rexeitou tamén a proposta de trampeo masivo e financiamento de investigacións de armas biolóxicas contra a velutina.
O peso da loita contra a velutina recaeu nos concellos, apicultores e veciños, que adoitan contratar empresas privadas para estas tarefas. A empresa lucense Serpa presenta como aval o éxito acadado no Valadouro, onde o Concello se presentaba en outubro pasado como “o primeiro de Europa” en conter a praga da vespa asiática.
Serpa ofrece recursos contra a velutina e conta con franquicias en Asturias, Cantabria, Euskadi e Cataluña. Caracterízase por empregar unha pértega patentada que acada os 50 metros de altura para prender lume no avespeiro. Os investigadores, porén, desconfían do método de cremación, como tamén desaconsellan o trampeo, por ter efectos colaterais e incluso contraproducentes.
Un aliado inesperado: o falcón abelleiro
Xesús Feás, investigador multidisciplinar da Facultade de Ciencias de Lugo, apunta cara un cambio de mentalidade sobre a velutina. Os métodos para combater á vespa nunca conseguirán a erradicación da especie, polo que cómpre sacar proveito dela e estudar o seu papel no ecosistema. Un caso senlleiro do impacto deste novo habitante é o cambio de preferencias do falcón abelleiro.
Existen xa pescudas que confirman a efectividade do falcón abelleiro contra as colonias de velutina. José Manuel Fernández, da Universidade de Alcalá de Henares, precisa que o 70 por cento da alimencación da ave no Morrazo e o Salnés provén da vespa crabro –autóctona, máis grande e totalmente marrón– e da parente asiática.