O investigado pola morte dun ancián en Abadín (Lugo) hai máis de dous anos recoñeceu a autoría tras a reconstrución dos feitos. Tras levantarse este luns o segredo de sumario, a confesión do investigado, na tarde deste martes, puxo luz sobre o caso, xa que recoñeceu ser o autor do atropelo “accidental” que acabou coa súa vida.
O home, que era veciño da vítima, coa que mantiña boa relación, recoñeceu que se asustou e subiu o cadáver do home ao seu coche para abandonalo nun piñeiral próximo, lugar ao que conduciu aos axentes, pero onde aínda non se atopou ningún rastro humano. O xulgado de Mondoñedo ordenou na mañá deste martes a reconstrución dos feitos, durante a cal o investigado non se mostrou colaborador, como explicou a avogada da familia, mantendo en todo momento unha “actitude distante”.
Foi durante a tarde cando houbo un cambio de actitude pola súa banda; recoñeceu ante a xuíza ser o autor do atropelo mortal e explicou que abandonara o cadáver nese piñeiral, sen enterrar, pero tapado con broza. Ao tratarse dun lugar frecuentado por animais, témese que este poida ser devorado por eles, pero aínda non apareceu na zona ningún resto humano, aínda que si localizaron restos de animais, segundo os forenses.
Por iso, a investigación durante o día de hoxe centrarase en atopar eses restos humanos ou algún indicio dos mesmos, tarefa na que colaborarán axentes e especialistas. “Non atopar restos do home foi unha gran decepción para a familia“, asegurou a representante legal dos curmáns do falecido, que eran os que o coidaban dada a súa avanzada idade porque non tivera nin fillos nin irmáns.
A PIQUES DE SAÍR DO CÁRCERE
Para os familiares urxe que se formalice unha acusación sobre o autor confeso dos feitos, xa que está a piques de abandonar o cárcere na que estaba a cumprir unha condena por un delito de roubo. Consideran que se abandona o cárcere podería escaparse “para non afrontar as consecuencias” deste novo proceso legal. A avogada da familia, Paula Salvador, espera contar cunha orde de prisión provisional a finais desta semana ou principios da que vén para que se manteña no cárcere ata que leve o caso a xuízo.
