InicioMovementos sociaisLugo concéntrase este domingo contra a caza do raposo

Lugo concéntrase este domingo contra a caza do raposo

A concentración deste domingo, convocada para as 12.00 horas, expresará o rexeitamento á caza do raposo e o apoio institucional a esta práctica

PUBLICADA O

- Advertisement -

Para amosar a oposición social á caza do raposo, os colectivos ecoloxistas convocan este domingo en Lugo a concentrarse na Praza Maior. Será ás 12.00 horas, nunha xornada que, ademais de rexeitar unha matanza “indiscriminada e por divertimento, que carece de ética”, servirá para censurar o papel da administración autonómica no financiamento desta práctica.

A convocatoria parte da Plataforma pola Convivencia Ética Coa Fauna Silvestre (Con-Ética), en sincronía co resto de protestas que terán lugar nas cidades españolas na mesma data. Por outra banda, a agrupación adheriu a súa sinatura a outros trinta e un colectivos que denunciaron á Xunta de Galicia –concretamente, a Consellería de Deporte Galego e a Consellería de Medio Ambiente– perante a Comisión de Transparencia e Bo Goberno. O motivo é ocultación de datos referidos á ubicación dos campionatos de caza do raposo.

Estas competicións de caza do raposo “contan con cuadrillas formadas por entre dez e trinta cazadores, premiándose á que consiga matar o maior número de raposos, sen límite algún”, explican dende Con-Ética. Cada tempada de caza resultan abatidos en Galicia entre 12.000 e 13.000 exemplares, contando coas cifras divulgadas polas federacións da caza, iso sen contar coas batidas ilegais.

A política do Partido Popular

Carballo, Candia e Feijóo na comida tradicional do Partido Popular lucense | PPdeG
Carballo, Candia e Feijóo na comida tradicional do Partido Popular lucense | PPdeG

As xustificacións dos cazadores, e que o Partido Popular de Lugo reproduce, baséanse no suposto control das poboacións de raposos, malia que “carecen de base, dada a inexistencia de censos rigurosos e científicos, sendo os datos elaborados e aportados polo lobby da caza”, aseguran os ecoloxistas. Nese senso, os campionatos carecen de avaliación ambiental –pola alteración de hábitats e a contaminación por chumbo–.

Outro aspecto crucial relacionado coa caza do raposo é o do control de enfermidades. Este animal “é un aliado imprescindible” na loita contra doenzas emerxentes coma a borreliose, coñecida tamén como enfermidade de Lyme. Así, “a prohibición dos campionatos de caza de raposo constituiría unha medida preventiva estratéxica”.

A concentración esixirá a rectificación da política da Xunta de Galicia. O apoio do goberno galego á caza do raposo é contrario á Carta Europea sobre Caza e Biodiversidade, apoiada no Convenio Europeo de Berna, que insta á adopción de prácticas cinexéticas menos lesivas co medio natural. Incluso a caza ten a categoría de deporte, un asunto que levantou polémica con anterioridade, na persecución da arcea na Terra Chá. “Estas barbaries seguen a ser financiadas con cartos públicos […], unha barbarie sen xustificación con subvencións que deben adicarse á protección do hábitat”.

ÚLTIMAS

Lugo recoñece a traxectoria de Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega Barrera, fillos adoptivos da cidade

O Concello de Lugo recoñeceu este sábado a traxectoria de dous "lucenses de corazón",...

Controlado un incendio nunha nave que almacenaba palla en Palas de Rei

Un incendio orixinado esta tarde nunha nave que almacenaba palla en Palas de Rei...

Lío no Concello de Lugo por unha factura: Candia acusa a Arroxo de malversación

A portavoz do grupo municipal do PP en Lugo, Elena Candia, denunciou o que...

Alerta amarela na provincia de Lugo polo temporal con ventos de 100 km/h

O AEMET mantén o aviso laranxa para o litoral das provincias da Coruña e...