O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou este mércores “o legado de estabilidade, fiabilidade e carácter propio” que deixou Francisco Cacharro na medida en que “segue presente na Galicia de hoxe” e constitúe, na súa opinión, “a mellor forma de entender a política e a xestión pública”. Manifestouno no acto organizado esta tarde polo PP na provincia de Lugo para conmemorar o dez anos da morte do político lucense, unha homenaxe co que, en palabras da líder provincial do PP, Elena Candia, o PP “responde a unha débeda con Paco Cacharro”.
Un acto de recordo que, segundo o líder dos populares galegos, ten que servir tanto para facer chegar aos máis novos “o seu legado” como para “lembrar a un político que estivo á altura da cidadanía que confiou nel ocupase o cargo que ocupase”. Del destacou “a súa paixón, o seu rigor e o seu compromiso por mellorar e reforzar os servizos públicos”. Cualidades que, considera “foron fundamentais” para materializar o proxecto da Facultade de Veterinaria de Lugo, que hoxe é “emblema” do Campus Terra e cuxa creación Cacharro defendeu “con visión e liderado”.
Rueda subliñou que o PPdeG, do mesmo xeito que nas primeiras décadas da democracia, segue traballando cada día por “repetir a confianza que a cidadanía ten no partido con mesmo estilo: afastado da confrontación e do ruído e centrado na eficacia, nos resultados e nos feitos que melloran realmente a vida dos galegos e galegas”. Fronte a unha oposición “instalada no non a todo”, que “non ve máis aló da súa ideoloxía”, e un Goberno central que “non goberna porque nin pode nin quere”, o presidente puxo en valor a unha Galicia que “aproba as súas Orzamentos en tempo e forma para responder á realidade e ás necesidades da cidadanía”.
UN LÍDER “CON VISIÓN ESTRATÉXICA E INNOVADORA”
Pola súa banda, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, incidiu en que recoñecer o legado de Francisco Cacharro “é de responsabilidade como militantes deste partido e de xustiza como lucenses”. Nesta liña, afirmou que o partido “ten que saber de onde vén” e que “nin Lugo nin o PP de Lugo serían o mesmo sen o proxecto, traballo e entrega de Paco Cacharro”.
Algúns dos proxectos que impulsou na provincia, lembrou, son o Campus de Lugo, o Hospital Veterinario, a Fundación Rof Codina ou a Granxa Gayoso Castro. Así, proclamou que o partido “responde a unha débeda” e faino desde a Facultade de Veterinaria onde comezaban as clases hai 41 anos e “pondo un punto e seguido co que manter vivo a súa aprendizaxe”.
Nese sentido, Candia agradeceu a Xulio Xiz e Antonio Giz, do colectivo Egeria, o seu traballo nesta acción de memoria e á familia de Cacharro, que “con xenerosidade abriu as portas da súa casa e permitiu entrar nos seus recordos, desde o agarimo e sen rancores“.Sabio, bo e tolerante” son as palabras coas que a presidenta provincial do partido definiu a figura de Cacharro durante a súa intervención, incidindo noutras das súas cualidades como “o liderado e a visión estratéxica e innovadora da acción política” dun “funcionario con espírito antiburocrático”.
UNHA ACCIÓN MÚLTIPLE DE RECORDO
O acto deste mércores enmárcase dentro dunha acción múltiple de recordo promovida polo PP na provincia de Lugo e que inclúe a publicación do libro ‘Lembrando a Paco Cacharro’, unha exposición e un vídeo con imaxes e sons do homenaxeado, así como a posta en marcha dunha páxina web conmemorativa.
